O Concello adxudica en 97.300 euros o Plan de Roza das pistas da zona rural, que arrancará a primeiros de xullo

A Xunta de Goberno aprobará mañá a contratación dos traballos, que afectarán a un mínimo de 700 quilómetros de vías, segundo avanzou o Concelleiro de Medio Rural

Estas tarefas “melloran as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios”, subliñou Miguel Fernández

Martes, 14 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, avanzou este martes que a Xunta de Goberno de mañá aprobará a adxudicación por importe de 97.300 euros do Plan de Roza das pistas da zona rural do municipio, traballos que comezarán a primeiros do mes de xullo e se prolongarán ata finais de setembro. As tarefas de desbroce afectarán a un mínimo de 700 quilómetros e para acometelas, a adxudicataria (Deforgal 21 XL) deberá dispoñer en activo ao mesmo tempo de 8 tractores, polo que a roza comezará de maneira simultánea en varias parroquias.

“Con estas actuacións, que atenden a peticións veciñais, melloramos as comunicacións no rural e a seguridade vial, ademais de contribuír á prevención de incendios”; destacou Fernández, ao tempo que lembrou que este plan de actuación se enmarca na “decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños e veciñas”. O Concelleiro subliñou neste senso o gran peso do rural no municipio, que supón o 80% do total do territorio de Lugo e o 10% da poboación.

Os traballos de desbroce acometeranse en 49 das 54 parroquias do concello, facéndose cargo da limpeza diaria das 5 restantes a brigada municipal. Deste xeito, o Plan de Roza contempla o desbroce dos viais de Pías, Monte de Meda, Coeses, Soñar, Sáa, Torible, Prógalo, Piugos, Meilán, Castro, Pena, Bocamaos, Ombreiro, Adai, Outeiro, Camoira, O Burgo, Lamas, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, Santa María de Bóveda, Teixeiro, San Román, Esperante, San Xoán do Alto, Orbazai, Santa María Alta, Bacurín, Bóveda-Santalla, Vilachá de Mera, Poutomillos, Mera, Calde, O Veral, San Xoán do Campo, Cuíña, Ribas do Miño, Piñeiro, Carballido, Pedreda, Rubiás, Labio, Gondar, Bascuas, Romeán, Benade e Bazar.

Paralelamente, e mentres non comezan estas actuacións, o Concello, con medios propios “está a proceder ao desbroce e limpeza de distintas zonas do rural, como arredores dos campos da festa, zonas de risco, cemiterios ou campos da feira, entre outras”, explicou Miguel Fernández.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o Plan de Roza das pistas da zona rural |Descargar mp3

Noticias relacionadas