O Concello adquirirá un novo furgón mixto para os bombeiros de Lugo

A Xunta de Goberno abriu o proceso de adxudicación para comprar este novo vehículo, ao que dedica 65.000 euros. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a súa publicación no BOP

Aprobado o convenio entre Deputación, UNED, Concello e Consorcio para a cesión dun edifico con destino á sede da Uned en Lugo. O convenio terá unha duración de 49 anos e o Concello realizará o mantemento das zonas verdes

Mércores, 01 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deste mércores aprobou o proceso de adxudicación para a compra dun vehículo furgón mixto para o Servizo de Bombeiros, que se fará por procedemento aberto. Así mesmo, aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Tal e como deu a coñecer o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen avanzou que o Concello destina unha partida de 65.000 euros para a compra deste novo vehículo, a adquisición motívase pola antigüidade do furgón actual, con máis de 26 anos de funcionamento.  

O edil indicou que este novo vehículo para o Servizo de Emerxencias do Concello debe cumprir determinadas características no que se refire á carrocería e chasis, motor, transmisión, freos, dirección, suspensión, rodas e neumáticos, equipamento e acabado exterior. O prazo máximo de entrega será de 4 meses dende a formalización do contrato, ofrecendo a empresa adxudicataria un prazo de garantía de 24 meses para dito furgón.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación no BOP.

Convenio UNED

A Xunta de Goberno tamén aprobou na reunión deste mércores o convenio de colaboración entre a Deputación, a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), o Concello de Lugo e o Consorcio universitario do centro asociado da Uned en Lugo para a cesión do uso dun edificio do complexo do Miño, con destino á sede da Uned. Aprobáronse tamén 2 addendas, nas que, tal e como deu conta Fernández, se modifica a duración do convenio en 49 anos, realizando o Concello o mantemento das zonas verdes, ao que destinará uns 5.600 euros ao ano.

Produtos Microsoft

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a apertura do procedemento de adxudicación da subministración, actualización e soporte de licenzas de produtos Microsoft para o Concello, así como os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas. Segundo avanzou Fernández, as tarefas de subministro e actualización contarán cun orzamento de preto de 145.000 euros, cunha duración do contrato de tres anos.

O anuncio de licitación publicarase no BOP e no perfil do contratante do Concello, na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación no BOP.

Máquinas expendedoras

Na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno acordou outorgar a Serega de Lugo, S.L. a autorización especial do dominio público para a modificación das máquinas actualmente instaladas e a ampliación da autorización para a instalación dunha máquina na Casa da Música. Deste xeito, retirarase a máquina existente na Casa das Linguas, subsituiranse as dúas máquinas existentes no MIHL pola existente na Casa das Linguas e incorporaranse dúas máquinas de bebidas frías como apoio no Pavillón de Deportes e na Casa do Deporte. Ademais, incorporarase unha máquina expendedora de bebidas frías, quentes e snacks na Casa da Música. Serega de Lugo deberá aboar un canon ao Concello de 450 euros mensuais.

Prórroga contratos subministro material de imprenta e de oficina

Miguel Fernández avanzou que a Xunta de Goberno prorrogou polo prazo dun ano os contratos asinados entre o Concello e as empresas Gráficas Integrales Cogami S.L. e Office Depot S.L. para a subministración de material e imprenta e de oficina (non inventariable), por preto de 15.400 euros e máis de 7.200 euros, respectivamente. 

Audios

  • Miguel Fernández, sobre o novo vehículo do Servizo de Bombeiros de Lugo|Descargar mp3
  • Miguel Fernández, sobre o convenio coa UNED|Descargar mp3

 

Noticias relacionadas