O Concello adquire un novo camión de bombeiros e un equipo de radiocomunicacións dixital para a Policía Local por 530.000€

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a adxudicación do subministro de ambos os dous novos equipamentos para os servizos de Bombeiros e Policía

Tamén acordou adxudicar o servizo educativo e de comedor e limpeza nas escolas infantís municipais Luis Soto Menor e María Wonenburger por importe 430.000 euros

Xoves, 18 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este xoves a adxudicación de dous novos equipamentos para os servizos de bombeiros e a Policía Local de Lugo por un importe total de 530.000 euros. O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou, por unha banda, que a subministración dun novo camión de bombeiros, un vehículo autobomba nodriza pesada para o servizo de extinción de incendios e salvamento, foi adxudicado á empresa Iturri SA por un importe de 340.857 euros. Na adxudicación tívose en conta unha serie de melloras ofertadas pola firma, que van, segundo explicou o concelleiro, dende o aumento de prazos de garantía e condicións para o chasis, o carrozado e o equipo de bomba do vehículo, á subministración e instalación dunha cámara de visión traseira, un posto secundario de atención remota do equipo de radio e un equipo de balizas recargables.

Por outra banda, adxudicouse a subministración dunha rede de radiocomunicacións dixitais, de voz e datos, para o operativo da Policía Local á empresa Vehículos, Equipamentos e Carrocerías Prieto-Puga SL por un importe de 190.835,29 euros. Na oferta, asegurou Miguel Fernández, valoráronse melloras como o tempo de resposta ante avarías críticas ou do sistema completo de dúas horas dende o aviso dado polo Concello ou cinco equipos portátiles completos.

Así mesmo, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou a adxudicación do servizo educativo e de comedor e limpeza nas escolas infantís municipais Luis Loto Menor e María Wonenburger á Fundación de Estudos e Análises (FESAN) por un importe total de 430.000 euros: 212.207,95 euros para a primeira anualidade no caso do primeiro centro e de 217.934,01 euros para a primeira anualidade no caso do segundo. En ambos os dous casos, a proposta da adxudicataria inclúe un incremento sobre as retribucións do salario base do 2% sobe o establecido no convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil.

Renovación de 10 cabinas sanitarias
Tamén se acordou iniciar o proceso para a contratación do alugueiro e mantemento diario de 10 cabinas sanitarias en zonas verdes públicas do municipio por un período de catro anos, prorrogable por outros dous, e cun importe total de 148.700 euros. As cabinas sanitarias estarán situadas nas localizacións actuais, en zonas de tránsito como son ao carón do local social de Montirón, no Parque do Miño (zona da ponte branca), parque do Sagrado Corazón, parque Fonte dos Ranchos, na Carballeira de Fingoi, preto da pasarela peonil do parque do Miño, na zona das piscinas de Frigsa, no entorno da Fábrica da Luz e no parque Marcos Cela. O prazo de presentación de propostas será de quince días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O Concello tamén publicará a licitación no perfil do contratante (en www.lugo.gal)

Outros dos acordos adoptados na Xunta de Goberno celebrada este xoves é a adxudicación do contrato de subministro, actualización e soporte de licenzas de produtos de Microsoft por 162.998,83 euros.

Renuncia á cafetería do centro Uxíonovoneyra
Aprobouse tamén a prórroga polo prazo dun ano, ata o 20 de xuño de 2018, do contrato para a explotación da cafetería restaurante no edificio mirador do Parque Rosalía de Castro e a resolución do contrato de explotación da cafetería no centro de convivencia municipal Uxío Novoneyra por renuncia unilateral do contratista, así como a incautación da garantía definitiva, de 462 euros, e a incoación do expediente para cuantificar os danos causados, que o Concello estima en 5.390 euros (que resulta de multiplicar o canon mensual de 385 meses establecido polos 14 meses que o adxudicatario deixa de pagar debido á renuncia ata que finalice o contrato), se ben esta cantidade podería verse alterada ou minorada no caso de que neste período de 14 meses (ata o 31 de marzo de 2018) se realiza unha nova adxudicación do servizo, de xeito que o canon ofertado polo novo adxudicatario compensaría a perda causada.

Noticias relacionadas