O Concello adicará 200.000 euros máis o ano que vén a axuda a domicilio e dependencia

Xoves, 25 de novembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O proxecto de Presupostos do Concello para o ano que vén adica 200.000 euros máis para axuda a domicilio e dependencia, o que supón un 20% máis que este ano, segundo informou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre.

Basadre indicou que para o ano que vén “non só se manteñen todas as partidas, incluídas as subvencións a entidades sociais, senón que medran as destinadas a axuda a domicilio e dependencia e lembrou que este ano esas partidas xa medraron case o 200% e o presupostado para 2011 é de 2.214.072 euros”.

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade sinalou que a estas alturas “aínda non sabemos o que vai aportar a Xunta para o ano que vén” e sinalou que tamén aumentan as partidas para emerxencia social e o fogar do transeúnte.

Carmen Basadre tamén felicitou ó equipo que traballa na súa Concellería porque coa súa xestión “conseguimos baixar os prezos dos contratos e tamén se rebaixan nun 30% os gastos diversos da Concellería e aínda así mantemos todos os servizos, incluídos sete Centros de Convivencia e dúas Casas das Linguas”.

Ademais a Concelleira sinalou que grazas o labor do seu equipo Lugo pode gozar “do luxo de non ter lista de espera nos centros de día nin na axuda a domicilio” e engadiu “ese é o luxo desta Concellería e non hai luxos de sofás de pel, que agora din que son de coiro e pronto acabarán sendo de pelo”.

Carmen Basadre tamén lembrou que a Xunta eliminou do seus Orzamentos o Plan de inclusión, que ten financiamento europea “neste momento no que aumenta o risco de exclusión e parece que a Xunta pretende volver a resolver ese problema coa caridade”. Tamén lle reprochou ó Goberno galego que lle poña fin ás axudas a familias monoparentais.

Para a responsable municipal de Benestar Social e Igualdade, parece que neste momento “só existen o Goberno central e o local e que a Xunta non existe para temas coma estes ou o paro”.

Carmen Basadre considerou “cruel e neglixente frivolizar cos dereitos que teñen recoñecidos as persoas” e sinalou que a supresión de prestacións á dependencia pode levar a que os afectados acudan reclamalas ó Xulgado, “porque é algo ó que teñen dereito”.

Acordos da Xunta de Goberno

A Concelleira de Benestar Social fixo estas declaracións na rolda de prensa que tivo lugar trala Xunta de Goberno Local que hoxe aprobou a ratificación de cinco convenios urbanísticos a modificación puntual do PXOU na Ponte da Estación-Ponte Romai.

Tamén acordou prorrogar o contrato coa adxudicataria do servizo de cociña na Escola infantil municipal “Gregorio Sanz” polo prazo dun ano, e cun importe de 57.444 euros e a apertura do procedemento de adxudicación do mesmo servizo para a Escola infantil “Serra de Outes” por un prazo de dous anos e cun prezo total de 183.225 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno deulle o visto e prazo á apertura do procedemento de adxudicación das actividades de ensinanza deportiva e servizos complementarios nas instalacións deportivas de “As Pedreiras”, cun valor estimado de 823.874 euros.

Aprobouse, ademais, o expediente para cederlle a titularidade dunha parcela de 13.217 metros cadrados, situada no polígono Sur-K, á Universidade para destinala a actividades de prácticas e investigación

Multimedia

Noticias relacionadas