O Concello adica 500.000 euros a mellorar o pavimento da Ronda de Fingoi, a Avenida da Coruña e de Paulo Fabio Máximo

Xoves, 05 de maio de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local tamén acordou licitar 70 postos de venda no Arde Lucus e contratar a sinalización turística do recinto amurallado

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe os proxectos de rexeneración de firmes na Ronda de Fingoi, Avenida da Coruña e na rúa Paulo Fabio Máximo cun presuposto de 500.000 euros que se levarán a cabo dentro do Plan extraordinario de obra pública que financia a Deputación provincial, segundo explicou o Concelleiro de Infraestruturas, José Piñeiro.

Piñeiro explicou que se trata de mellorar o estado do pavimento destas rúas que soportan moita circulación de vehículos. Para elo executarase un plan que consiste na demolición ou fresado do pavimento actual para pavimentalas calzadas de novo con aglomerado en quente.

Na Ronda de Fingoi vanse renovar 74.500 metros cadrados de pavimento. O proxecto ten un presuposto de 234.800 euros e un prazo de execución de tres meses.

Na Avenida da Coruña, a renovación do pavimento afectará a 71.000 metros cadrados. A actuación costará 221.000 euros no prazo de tres meses.

E na rúa de Paulo Fabio Máximo renovaranse 11.500 metros cadrados cun presuposto de 44.000 euros e un prazo de dous meses.

Arde Lucus

A Xunta de Goberno Local acordou tamén abrir o procedemento de licitación para a instalación de postos de venda de mercadorías no Arde Lucus 2011, segundo informou o Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade.

Autorizaranse 70 postos de venda que funcionarán co seguinte horario:
Venres 17 de xuño de 2011: de 16.00 a 22.30 horas
Sábado 18 de xuño de 2011: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 00.00 horas
Domingo 19 de xuño de 2011: 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.30 horas

Os prezos de saída do canon fixados polo Concello para este ano son:
Parcelas 2 metros lineais: 98,60 euros
Parcelas 3 metros lineais: 147,90 euros
Parcelas 4 metros lineais: 197,20 euros
Parcelas 5 metros lineais: 246,50 euros
Parcelas 6 metros lineais: 295,80 euros
Parcelas 10 metros lineais: 493,00 euros
Parcelas 15 metros lineais: 739,00 euros
Parcelas 16 metros lineais: 788,80 euros

Os licitadores deberán presentar a documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello de Lugo no prazo de 10 días naturais dende a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.

Sinalización turística

A Xunta de Goberno acordou tamén abrir o procedemento de contratación da subministración e instalación de sinais no recinto amurallado, un proxecto do Plan Urban cofinanciado ó 70% pola Unión Europea.

O valor estimado do contrato é de 80.899,81 euros, IVE incluído. O prazo máximo para a execución da subministración e instalación das sinais será de dous meses.

O prazo máximo de presentación de proposicións será de quince días naturais contados dende a publicación do anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Casa domótica

Tamén aprobou hoxe a Xunta de Goberno abrir o procedemento de contratación da subministración de mobiliario de cociña accesible e electrodomésticos para tres vivendas na Casa Domótica.

O prezo total para as tres cociñas é de 29.479,17 euros, IVE incluído. A subministración e instalación do equipamento deberá efectuarse no prazo dun mes a partires da formalización do contrato.

Multimedia

Noticias relacionadas