O Concello adiantou a este mes a campaña de control de estorniños tras detectar unha concentración de 35.000 exemplares en Frigsa

“Quixemos atallar as primeiras molestias e adiantarnos á chegada da primeira onda de estorniño pinto procedente do centro e norte de Europa”, segundo o edil de Medio Ambiente.

Os técnicos esperan que nas próximas xornadas a situación quede estabilizada e a cidade quede libre destas aves, ou a súa poboación se limite a grupos de pequena entidade.

Santos: “Coa xestión da poboación destas aves para previr e evitar riscos de pragas e garantir a salubridade pública o que buscamos é mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Martes, 18 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello adiantou a este mes a campaña de control de estorniños tras detectar unha concentración de 35.000 exemplares en Frigsa

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellaría de Medio Ambiente, comezou xa este mes a campaña anual de control de estorniños, o que supón iniciala cun mes de antelación a anos anteriores, tras detectarse unha concentración de 35.000 exemplares no Parque da Milagrosa / Frigsa. Tamén se localizou un grupo reducido de aproximadamente 2.000 aves na Avenida Ramón Ferreiro.

O edil de Medio Ambiente, Alvaro Santos, lembra que Frigsa é unha das localizacións historicamente máis afectadas, “na que tentan asentarse os estorniños ao comezo da tempada. Considérase un dos dormideros primarios da cidade para estas aves, aínda que os traballos inclúen outros parques e zonas verdes da cidade afectados tamén pola súa presenza”, sostén.

A campaña adiantouse porque a poboación de estorniño residente (Sturnus unicolor) estaba xa a causar molestias no centro urbano. “Quixemos así  atallar estas primeiras molestias e adiantarnos á chegada da primeira onda de exemplares de estorniño pinto (Sturnus vulgaris) procedentes do centro e norte de Europa, que adoita producirse en setembro e outubro, momento en que as dúas poboacións se unirán e poderán afectar a múltiples zonas verdes por toda a cidade”, aclara Santos, quen apunta que “o obxectivo último do servizo é a mellora da calidade de vida dos cidadáns de Lugo, realizando a xestión das poboacións destas aves para previr e evitar riscos de pragas e garantir a salubridade pública”.

Até o día de hoxe, realizáronse 7 xornadas de traballo destinadas á avaliación inicial, vixilancia e traballos intensivos de control. Para conseguir a expulsión dos grupos de estorniños dos dormideros urbanos, os técnicos especialistas en control de fauna utilizan sistema de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas e outras técnicas complementarias, co fin de asustar e escorrentar aos estorniños que se atopen durmindo nos mesmos, variando as metodoloxías de control segundo as necesidades do servizo en cada momento e localización, até conseguir a súa expulsión completa ou até minimizar o máximo posible a súa presenza.

Aínda que se está realizado o seguimento dos 24 enclaves catalogados como dormideiros (zonas axardinadas susceptibles de ser utilizadas polas aves como lugar de descanso nocturno), os labores de control centráronse nos dous puntos conflitivos detectados. Sen ben o grupo de Ramón Ferreiro respondeu satisfactoriamente ás medidas aplicadas e foi expulsado fóra da cidade nas primeiras intervencións, os exemplares asentados no Parque da Milagrosa / Frigsa presentaron unha maior resistencia a abandonar a cidade e parte do mesmo tentou burlar aos técnicos e ocupar outros enclaves da cidade, desprazándose momentaneamente ao Parque de Rosalía de Castro e a Praza Maior.

Os técnicos están a intervir actualmente sobre estes pequenos grupos para impedir que pasen a noite na cidade, á vez que van reducindo o groso poboacional do dormidero principal, esperando que nas próximas xornadas a situación quede completamente estabilizada e a cidade quede libre destas aves, ou a súa poboación se limite a grupos de pequena entidade que non causen molestias á cidadanía.

Limpeza

A concelleira de Medio Ambiente, ademais do adianto da campaña de control, mandou reforzar a limpeza das zonas máis afectadas pola presenza dos estorniños.

A chegada masiva destas aves vén motivada polos seus movementos migratorios naturais, estando o maior problema asociado ao desprazamento norte-sur dos estorniños pintos tras a época reprodutora, pero cunha crecente problemática con estorniño negro nas contornas urbanas.

A súa concentración en zonas da cidade, co abandono dos seus dormideros naturais, está motivada por unhas condicións de menor variabilidade e máis altas temperaturas, maior protección ou ausencia case total de depredadores e presenza de amplas zonas arboredos que manteñen a súa cobertura vexetal ao longo de todo o ano. E dentro destas, as preferencias polo asentamento en determinados enclaves dentro das localidades veñen determinadas pola existencia e distribución de zonas protexidas para albergalos, incluíndo a presenza, dentro ou próximas ás mesmas, de dormideros naturais, condicións que de forma simultánea danse na cidade de Lugo.

LISTADO DE DORMIDEROS CATALOGADOS E SOMETIDOS A SEGUIMENTO E CONTROL NA CAMPAÑA 2020-21 NO CONCELLO DE LUGO

1.- Parque FRIGSA-Albeiros- Avda. Infanta Elena

2.- Fonte dos Ranchos e Xardín de Simón Bolivar

3.- Praza do Campo Castelo

4.- Avenida de Ramón Ferreiro e Praza da Mina

5.- Rúa Doutor García Portela

6.- Avenida de RodrÍguez Mouredo

7.- Parque de Rosalía de Castro

8.-Praza Maior

9.- Rúa de San Marcos

10.- Hospital Prov. San Xosé

11.- Ronda de Fingoi / Avda. R. Argentina

12.- Instituto Lucus Augusti

13.- Praza Ángel Johán

14.- Concello

15.- TIC

16.- Parque Policía

17.- Deputación Provincial de Lugo / Rúa Miguel de Cervantes

18.- C/ Erin (privado)-Praza do Rei-Roi Xordo

19.- Estación Tren / Praza Conde Fontao

20.- Párking Ronda (privado)

21.-Parque das Cubelas

22.-Complexo Residencial Xuvenil

23.- Iglesia San Francisco Javier-Avda Madrid

24.- Museo Provincial

25.- Rúa Ramón Cabanillas


 
EVOLUCIÓN GRÁFICA DA POBOACIÓN DE ESTORNIÑOS NA CIDADE DE LUGO

Poboación total de estorniños presentes no municipio.

Audio

 

Noticias relacionadas