O Concello adianta a apertura das escaleiras do ascensor do Sagrado Corazón para facilitarlle o acceso á veciñanza

A alcaldesa, Lara Méndez, avanzaba esta mañá que “o elevador poderá estar operativo antes de que remate o ano se as condicións climatolóxicas permiten a finalización dos traballos de mellora pendentes, suxeridos pola veciñanza e que se incorporaron ao proxecto inicial”

Sábado, 14 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello adianta a apertura das escaleiras do ascensor do Sagrado Corazón para facilitarlle o acceso á veciñanza

O novo ascensor do Sagrado Corazón está nas últimas probas antes de ser recepcionado polo Concello de Lugo e de que comece a funcionar. Para poder facilitarlle o acceso á poboación hoxe abríronse as escaleiras, co fin de evitar que dean toda a volta á mazá. A alcaldesa Lara Méndez e as concelleiras responsables de Accesibilidade, Olga López, e de Igualdade, Ana Abelleira, achegáronse esta mañá á zona cos responsables da obra para ver como queda o novo elevador, no que se investiron 240.000 euros.

A rexedora comentou aos residentes que se espera que o ascensor estea operativo antes de que remate o ano, se as condicións climatolóxicas permiten a finalización dalgunhas melloras que quedan pendentes, froito das suxestións realizadas pola veciñanza do barrio e que incorporaron ao proxecto inicial.

Este elevador do Sagrado Corazón, ao igual que o de Fontiñas, son apostas da alcaldesa Lara Méndez por mellorar a accesibilidade dos barrios. Neste caso, beneficia ao milleiro de habitantes da contorna, pero tamén contribuirá a incrementar a comodidade e calidade de vida, sobre todo, dos maiores. Igualmente se beneficiarán outras persoas que acudan a esta parte da cidade, que dispón de diversos servizos básicos, como o colexio, o ambulatorio ou o centro de convivencia.

Na actualidade, na escalinata hoxe inaugurada existe un sistema de chanzos de 3+3 tramos, que salvan un desnivel de 6’75 metros entre a Avenida Adolfo Suárez e a igrexa do barrio. Máis arriba das inmediacións do bloque nº23 do Sagrado Corazón remata esta nova intervención, existindo unha diferenza de cota entre ambos puntos de 11 metros que o Concello corrixirá agora co ascensor.

Esta dotación contará con tres paradas para salvar as diferentes alturas: unha delas ao nivel da praza que dá acceso á igrexa e o outro máis arriba, para enlazar coa cota superior do soportal existente ao carón do Salón de Actos do CEIP Sagrado Corazón.

Multimedia

  • O Concello adianta a apertura das escaleiras do ascensor do Sagrado Corazón para facilitarlle o acceso á veciñanza

Noticias relacionadas