O Concello actualizará o inventario municipal cunha aplicación informática que permitirá a xestión integral do patrimonio

A Xunta de Goberno aprobará a vindeira semana a apertura do procedemento de contratación do servizo que ten un valor estimado de 139.499 euros.

Esta licitación enmárcase dentro do proceso de transformación e modernización da administración local iniciado por Lara Méndez durante o pasado mandato.

O documento recolle a existencia, entre outros, de 5.740 inmobles, 240 bens históricos artísticos e 189 vehículos.

Xoves, 08 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello actualizará o inventario municipal cunha aplicación informática que permitirá a xestión integral do patrimonio

O Concello de Lugo actualizará o inventario municipal a través dunha aplicación informática coa que se abordará a xestión integral de todo o seu patrimonio.

A Xunta de Goberno Local aprobará a vindeira semana a apertura do procedemento de contratación, que se enmarca dentro da Estratexia “Dusi – Muramiñae”, cofinanciada ao 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A medida obedece ao proceso de modernización da administración local iniciado por Lara Méndez xa durante o mandato anterior. A propia rexedora subliñaba esta mañá a importancia da actuación, en tanto “permitirá ter perfectamente identificados todos os bens que están en posesión da institución, coñecendo con exactitude a súa cantidade e características e garantindo así un mellor control, uso e aproveitamento dos mesmos”.

A alcaldesa deu conta de que a nova metodoloxía que se vai aplicar inclúe a xeorreferenciación para concretar a localización das propiedades municipais co obxectivo de facilitar a integración de ferramentas GIS. “O que fará necesario a realización de traballos e servizos de comprobación, revisión e actualización de todos os bens e dereitos do Concello de Lugo, así como do Patrimonio Municipal do Solo (PMS)”, afirmou.

Lara Méndez indicou, ademais, que para proceder a esta tarefa partirase do actual inventario, trasladando a totalidade da información existente á nova aplicación informática. Un haber que sintetizou, a grosso modo, nun conxunto de 5.740 inmobles - urbanos, rústicos, vías públicas urbanas e rústicas, parques e outro tipo de infraestruturas -, 240 bens históricos artísticos e 189 vehículos, etc.

“A empresa adxudicataria deberá, pois, identificar todos e cada un destes bens mediante referencia catastral - sempre que iso sexa posible – e coa finalidade de poder coñecer ou seu posicionamento espacial - tanto de forma individual, como pola zona xeográfica que se sinale na planimetría en vigor e clasificalos atendendo a criterios físicos, analíticos e de xestión”, aclarou a rexedora.

O novo sistema, a través da correspondente plataforma, permitirá, pois, coñecer de todos e cada un dos bens aspectos como a súa identificación - con referencia catastral, xeorreferencia e ortofoto, no caso do inmobilizado material- definición, situación xurídica, natureza, vida económica, custo de adquisición e valor, investimentos realizados, realidade patrimonial, datos específicos de cada epígrafe, características técnicas e funcionais, etc., debendo asegurar, alén, o histórico de todas as operacións que se realizaron para cada un dos bens que integran o patrimonio do Concello.

Enténdense comprendidos no inventario as leiras rústicas, parques e soares urbanos, edificios históricos, centros docentes, instalacións deportivas, vivendas, locais, sotos, garaxes, pavillóns, almacéns, edificios de servizos (mercados, matadoiros, bombeiros, depósitos de auga etc.), vías públicas, instalacións físicas e outras construcións así como mobles de carácter histórico, valores mobiliarios, vehículos, semovientes, outros mobles non recollidos nos epígrafes anteriores como pode ser o caso de mobiliario, equipos de oficina ou outro tipo de activos que teñan un custo superior a 300 euros, así como bens e dereitos reversibles.

Pola súa parte, a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos,  informou, así mesmo, de que “a empresa adxudicataria, ademais de realizar o inventario físico, deberá asignalo ou vinculalo coa contabilidade, de modo que estes apuntamentos queden relacionados e reflectidos entre si, permitindo, deste xeito, unha actualización constante do documento e a súa conciliación e cadre permanente”.

Entre os labores asignados inclúese, tamén, o de recompilar, estudar e preparar tanto a documentación precisa para a tramitación ante a Xerencia Territorial do Catastro e o Rexistro da Propiedade de todos os cambios atopados na situación dos inmobles,  para proceder a regularización daqueles que non o estiveran xa, como tamén a necesaria para formalizar a súa escritura.

A responsable da área económica sinalou que, coa habilitación da plataforma contémplase, igualmente, a adaptación tecnolóxica da realidade existente, “incluíndo, por tanto, a investigación, comprobación, altas de novos rexistros, revisión e posta ao día de todos os datos o que posibilitará coñecer a amortización acumulada para cada elemento, así como a total anual e total acumulada para cada epígrafe da lexislación de bens permitindo o cálculo fidedigno do seu valor”.

O contrato suporá un investimento municipal de 139.499 euros e terá un prazo de execución dun ano e outro de mantemento

Paula Alvarellos referiu que a licitación, que ten un valor estimado de 139.499 euros, disporá dun prazo máximo de execución de doce meses para a realización dos traballos e doutro ano para abordar o mantemento do programa informático, sen posibilidade de prórroga.

“Tempo no que a empresa deberá elaborar o inventario, pero tamén exportar todos datos, entregar a totalidade da documentación e poñer en marcha a aplicación de xestión patrimonial. Para iso, proporá ao Concello un cronograma coa planificación de todas as tarefas e creará un equipo de seguimento que garanta o avance do proxecto”, abondou a edil.

Antes de concluír, a concelleira de Gobernanza fixo fincapé, especialmente, na utilidade da aplicación informática que “facilitará o achado e localización dos bens, a través de filtros de sinxela construción, incorporando un xerador de consultas ou vistas para que as persoas usuarias poidan definir con exactitude calquera búsqueda que requiran e  atopala no menor tempo posible”.

Esta nova ferramenta permitirá, á súa vez, o tratamento das amortizacións e deterioros por valor para a depreciación do inmobilizado e asegurará a conexión coa oficina virtual do catastro, posibilitando a exposición pública de toda esta información en cumprimento da Lei de Transparencia. Ao tempo que deberá facilitar, tamén, a súa integración con outras aplicacións de xestión tributaria e coa plataforma de tramitación de expedientes do Concello.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a actualización do Patrimonio Municipal | Descargar mp3

Noticias relacionadas