O Concello activa un plan de limpeza por barrios, que se desenvolverá ao longo do ano

“Trátase dun plan integral de limpeza que actuará de forma coordinada cos servizos que se prestan de forma habitual, complementándose entre ambos os dous”, asegurou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible

Os traballos inclúen desbroce de solares, varrido de rúas e bordillos, limpeza de sumidoiros, colectores, mobiliario urbano e pintadas, e baldeo de rúas

A limpeza acometerase en 12 fases distintas, que se publicarán hoxe en www.lugo.gal para que os veciños e veciñas poidan consultar dito plan

Venres, 18 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activa un plan de limpeza por barrios, que se desenvolverá ao longo do ano

O Concello de Lugo vén de activar un plan de limpeza integral por barrios que se desenvolverá ao longo de todo o ano. Así o anunciou este venres o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen deu a coñecer que este plan completa o anunciado o pasado setembro pola Alcaldesa, Lara Méndez, que arrincou no casco histórico e cubriu toda a cidade por fases de maneira concéntrica.

“Trátase de mellorar a limpeza e a imaxe da cidade co fin de aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, pero tamén como piar fundamental para impulsar a actividade turística e, con elo, o desenvolvemento económico”, subliñou o edil.

Tal e como informou Daniel Piñeiro, a limpeza acometerase en 12 fases distintas, dende este mes ata decembro. A primeira será a quenda do barrio da Ponte e da Louzaneta –marzo-, para logo achegarse aos barrio do Sagrado Corazón, Gándaras, e Galegos, -entre marzo e abril- e aos da Piringalla e A Milagrosa –entre maio e xuño-.

Na cuarta fase, que se desenvolverá entre maio e xuño, realizarase a limpeza no Castiñeiro, en Casás e na Residencia; na quinta –xuño-, polo casco histórico; na sexta –xuño e xullo-, en Garabolos, Albeiros, Castelo e A Chanca; na sétima –xullo e agosto-, en Fingoi e Aceña de Olga; na oitava en Fontiñas e Augas Férreas –agosto-; na novena, en setembro, en Recatelo e Ramón Ferreiro; na décima, entre setembro e outubro, San Roque, Paxariños, Montirón e Sanfiz; e na décimo primeira, en novembro, no barrio da Estación e no barrio de Feijóo. En decembro, na última fase, acometerase a limpeza do barrio da Cheda e no entorno do Anxo Carro. As fases publicaranse ao longo do día de hoxe na páxina web do Concello www.lugo.gal para que todos os veciños e veciñas poidan consultar dito plan.

Medidas de limpeza

O Concello, como reforzo aos labores ordinarios de mantemento, realizará o desbroce de soares municipais, acometerá o varrido mixto de rúas e bordillos, así como a limpeza de sumidoiros, de colectores e mobiliario urbano, e a limpeza de pintadas. Este plan tamén contempla o baldeo de rúas. “Trátase dun plan integral que actuará de forma coordinada cos servizos que se prestan de forma habitual, complementándose entre os dous”, asegurou Piñeiro.

Operativo

Neste operativo tomará parte unha brigada de desbroce con desbrozadoras de man e sopladores, un tractor desbrozador, unha cisterna con baldeo mixto, unha varredora mixta, unha furgoneta porter ou fregadora con equipo de lavado para limpeza de colectores, publicidade, pegatinas e mobiliario urbano, un camión de succión e impulsión para a limpeza de sumidoiros e unha hidro-limpadora ou fregadora nas zonas que así o requiran polo ancho da rúa. 

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre o plan de limpeza por barrios|Descargar mp3

Noticias relacionadas