O Concello activa un dispositivo especial de seguridade debido á alerta amarela por neve e xeo

Está composto dun furgón e dous camións equipados con sal, seis varredoras, unha delas no HULA e cinco no dispositivo de entrada dos colexios, carros esparcidores de sal e peóns de varrido equipados con pa e sal

Os servizos municipais permanecerán alerta para atender calquera incidencia que poida xurdir. Recoméndase extremar as precaucións ao volante e os desprazamentos a pé

Venres, 04 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activa un dispositivo especial de seguridade debido á alerta aamarela por neve e xeo

O Concello de Lugo activou este venres un dispositivo urbano especial de seguridade debido á alerta amarela por neve e xeo, co obxectivo de garantir a seguridade dos vehículos e peóns nos vindeiros días. Así o informou o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, quen recomendou extremar as precaucións ao volante, así como os desprazamentos a pé, ante a adversa situación meteorolóxica.

Actualmente, o Concello mantén os seguintes medios despregados, no marco deste dispositivo urbano:

  • Un furgón con dous peóns equipado con sal.
  • Dous camións brigada con sal.
  • Seis varredoras, unha delas no HULA e cinco no dispositivo de entrada dos colexios. Despois da entrada dos colexios, repártense polos diferentes sectores de varrido, con especial atención a zonas de maior tránsito peonil.
  • Peóns de varrido equipados con pa e sal. Carros esparcidores de sal.

Así mesmo, o concelleiro explicou que “no caso de que fose necesario, dispoñeriamos de coitela quitaneves para uso en zona urbana”. Deste xeito, os servizos municipais permanecerán en alerta para atender calquera incidencia que poida xurdir. Ademais, o Concello tamén dispón dunha cantidade suficiente de sal para, no caso de ser preciso, esparexer onde sexa necesario.

Noticias relacionadas