O Concello activa a tramitación dos expedientes disciplinarios a seis oficiais da Policía Local por falta grave ou moi grave

Venres, 15 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo activou a apertura dos expedientes disciplinarios aos seis oficiais que asistiron á reunión mantida onte coa Alcaldesa, Lara Méndez, e o director xeral de Recursos Humanos, para presentar a proposta de redistribución dos efectivos do corpo. Considérase que as súas actitudes poden encaixar baixo as faltas que a Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia (Lei 4/2007, de 20 abril, e DOG 3 de maio de 2007) tipifica como “moi graves” ou “graves”:

- Artigo 79. Faltas moi graves:

  • e) A insubordinación individual ou colectiva, respecto ás autoridades ou mandos de que dependen.

- Artigo 80. Faltas graves:

  • b) A desobediencia aos mandos superiores xerárquicos ou responsables do servizo con motivo das ordes ou instrucións lexítimas dadas por aqueles, salvo que constituíse infracción manifesta do ordenamento xurídico.

Segundo a mesma Lei de Coordinación de Policías Locais, artigo 83, as sancións que se poden impoñer pola comisión de faltas moi graves son a separación do servizo ou a suspensión de funcións desde tres meses e un día ata un máximo de 6 anos, e por faltas graves, a suspensión de funcións desde cinco días a tres meses.

Na proposta da apertura de expediente nárrase como aconteceu a reunión:

“Despois dos saúdos, a Alcaldesa de Lugo comezou a facer unha presentación do obxecto da reunión sendo aos poucos minutos interrompida de forma reiterada por un oficial. No momento no que a Alcaldesa lle reprendeu a falta de respecto ao impedirlle falar, o oficial, levantándose do asento, dirixiuse á Alcaldesa alzando o ton de voz e acusándoa de só convocar ao persoal para mentirlle, enganalo, dicíndolle que el non aceptaba ningunha proposta que non fora asinada polo Xefe de Policía Local, e que a proposta que se ía presentar non o estaba. A Alcaldesa, nese momento, cominou ao oficial a deixar que a reunión continuara ou que marchara. O oficial seguiu falando en voz alta collendo deseguido a súa chaqueta e dirixíndose á porta. No mesmo momento, outro oficial dixo en voz alta: “Se el marcha, eu tamén”, levantándose da mesa, ao tempo que o facían os outros catro oficiais presentes. Quedándose retrasado un dos oficiais, o director xeral dirixiuse a el para dicirlle que aquelas actitudes non se podían consentir, que eran unha falta de respecto e mesmo insubordinación á máxima representante do Concello”.

Asinado o decreto de reorganización

Por outra banda, tal e como xa avanzou onte, a Alcaldesa asinou esta mañá o decreto de reorganización temporal e de mínimos dos efectivos da Policía Local para optimizar o seu funcionamento e que preste un mellor servizo á cidadanía, ante a merma de efectivos de axentes que se produciu a raíz do decreto regulador de xubilación anticipada, ao que se acolleron a día de hoxe 26 funcionarios policiais, e á espera de que se cubran as 45 prazas previstas nas catro ofertas de emprego público que sacou adiante o Goberno no que vai de mandato.

Os cambios, que entrarán en vigor a principios de abril, consisten na redistribución dos efectivos entre as distintas quendas para equilibralas, e que tres funcionarios que están nas unidades de Patrulla Verde e o Gabinete de Tráfico se incorporen ás quendas porque se prioriza que sempre quede cuberto o servizo de Atestados e que exista un número mínimo de patrullas na rúa operativas por razóns de seguridade cidadá e dos propios policías.

A Alcaldesa, xefa da Policía Local, ten a capacidade e competencia para a reorganización do servizo e faino en base a unha proposta técnica asinada pola dirección xeral de Recursos Humanos.

Noticias relacionadas