O Concello activa por San Valentín unha nova campaña de “amor polos barrios Localmente Lucenses” de apoio ao comercio local

Lara Méndez: “Buscamos sensibilizar aos lucenses para que realicen as súas compras nos establecementos de proximidade para reactivar a vida económica da cidade”.

A iniciativa inclúe accións a pé de rúa coa organización de escenas de humor nas prazas da cidade, así como accións online para difundir polas redes sociais.

Máis de 550 establecementos xa se adheriron ao movemento Localmente Lucense, impulsado cun investimento de un millón de euros e que durará todo o ano.

Martes, 08 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activa por San Valentín unha nova campaña de “amor polos barrios Localmente Lucenses” de apoio ao comercio local

O Goberno de Lara Méndez pon en marcha unha nova campaña, enmarcada no movemento Localmente Lucense, para dinamizar a actividade dos barrios e fomentar as compras nos establecementos de proximidade, con motivo da festividade de San Valentín. A rexedora explicou que “é unha nova iniciativa que quere incentivar o amor polos barrios Localmente Lucenses a través das campañas estacionais que desenvolvemos para dinamizar a vida e a reactivación económica, buscando sensibilizar aos lucenses cunha campaña que contempla accións online e a pé de rúa”.

Deste xeito, a campaña inclúe, por un lado, a elaboración e difusión -na páxina web www.localmentelucense.gal e nas redes sociais do Concello- dun vídeo con ideas para pasar un San Valentín #LocalmenteLucense, así como a elaboración de material gráfico, adaptado a cada sector de actividade (restaurantes, florerías, pastelerías, xoierías, centros de benestar, hoteis, librarías, perruquerías, etc.), para que os establecementos poidan utilizar dende as súas propias canles durante a campaña de San Valentín.

E, por outro lado, organizaranse escenas de humor e amor nas prazas das cinco agrupacións de barrios nas que foi dividida a cidade para impulsar o movemento Localmente Lucense. Trátase de escenas e improvisacións, a cargo de dous animactores, que falarán sobre o consumo local en clave de humor e amor polo barrio. Así mesmo, estarán acompañados de dous dinamizadores que repartirán folletos animando a sumarse ao estilo de vida Localmente Lucense. Estas actuacións serán móbiles e realizaranse en prazas e zonas de afluencia de público.

Lara Méndez subliñou que “actualmente, xa son máis de 550 os establecementos adheridos ao proxecto Localmente Lucense, que impulsamos dende o executivo municipal cun investimento dun millón de euros, e que combina unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios, con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos”.

Calendario das actuacións a pé de rúa

  • Mércores 9, de 17:00 a 19:00 horas, na zona Leste (barrios da Cheda, A Ponte, Anxo Carro, A Piringalla, A Residencias, Casás, Louzaneta e O Castiñeiro)
  • Xoves 10, de 17:00 a 19:00 horas, na zona Sur (barrios de Acea de Olga, Augas Férreas, Fingoi, Montirón, Paxariños, Ramón Ferreiro, Recatelo, San Fiz e San Roque)
  • Venres, 11, de 17:00 a 19:00 horas, na zona Oeste (os barrios da Chanca, Paradai, Castelo, A estación, As Gándaras, Fontiñas, Galegos e Sagrado Corazón)
  • Sábado 12, de 12:00 a 14:00 horas, na zona Norte (barrios de Albeiros, Garabolos, A Milagrosa, Avenida da Coruña e Barrio Feijoo)
  • Luns 14, de 17:00 a 19:00 horas, na zona centro (barrios do casco histórico e A Tinería)

Noticias relacionadas