O Concello activa hoxe o Plan de Roza, que acondicionará uns 700 quilómetros de viarios do rural

Miguel Fernández supervisou o inicio destas tarefas, que contan cun orzamento de 97.300 euros e das que se encargan 8 tractores e unha docena de operarios

Luns, 04 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activa hoxe o Plan de Roza, que acondicionará uns 700 quilómetros de viarios do rural

O Concello activou este luns o Plan de Roza,  que acondicionará uns 700 quilómetros de estradas municipais ao longo deste mes de xullo e do vindeiro mes de agosto. O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, supervisou esta mañá o inicio das tarefas, que contan cun orzamento de 97.300 euros e dos que se encargan 8 tractores e unha docena de operarios, que comezaron en Teixeiro e Monte de Meda. Paulatinamente, estas tarefas continuarán polas restantes parroquias actuando nas estradas de titularidade municipal de 50 de 54 parroquias luguesas, facéndose cargo da limpeza viaria das 4 restantes a brigada municipal. Deste xeito, o Plan de Roza contempla o desbroce dos viais de Pías, Monte de Meda, Coeses, Soñar, Saá, Torible, Prógalo, Piugos, Meilán, Castro, Pena, Bocamaos, Ombreiro, Adai, Outeiro, Camoira, O Burgo, Lamas, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, Santa María de Bóveda, Teixeiro, San Román, Esperante, San Xoán do Alto, Orbazai, Santa María Alta, Bacurín, Santalla de Bóveda, Vilachá de Mera, Poutomillos, San Pedro de Mera, Calde, O Veral, San Xoán do Campo, Cuíña, Ribas do Miño, Piñeiro, Carballido, Pedreda, Rubiás, Labio, Gondar, Bascuas, Romeán, Benade, Bazar e Fixós.

A entidade local inicia esta programación de traballos de roza ao comezo da tempada estival para evitar posibles incendios ao tempo que se optimizan os recursos. “Ademais de manter en bo estado as vías do rural, con estas tarefas, que atenden a peticións veciñais, melloramos as comunicacións no rural e a seguridade vial”, destacou Fernández, quen subliñou o gran peso do rural do municipio, que supón o 80% do total do territorio do Concello e o 10% da poboación.

Previamente ao comezo destas actuacións, o Concello con medios propios procedeu á limpeza de distintas zonas do rural, como arredores dos campos das festas ou de feiras, cemiterios, ou zonas de risco, lembrou o edil, ao mesmo tempo que reiterou a aposta do Goberno polo rural e o seu compromiso para mellorar a calidade dos servizos da veciñanza, independentemente se residen no rural ou na cidade.

Audio

  • Miguel Fernández, Concelleiro de Deportes e Medio Rural | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello activa hoxe o Plan de Roza, que acondicionará uns 700 quilómetros de viarios do rural

Noticias relacionadas