O Concello activa 8 novas Bolsas de Emprego coas que o Executivo de Lara Méndez promoverá a contratación pública este verán

A orde de publicación das listas atende a criterios de urxencia segundo as necesidades que vai detectando a Administración para ocupar prazas libres nos servizos con maior carga de traballo.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, avanzou que, toda vez que conclúa o proceso de alegacións, a área de Persoal cubrirá a través delas diversos postos vacantes.

Venres, 01 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activa 8 novas Bolsas de Emprego coas que o Executivo de Lara Méndez promoverá a contratación pública este verán

A área de Persoal vén de activar 8 novas Bolsas de Emprego Municipais nas categorías de Enxeñeiro/a de Obras Públicas, Enxeñeiro/a Industrial, Enxeñeiro/a Técnico Industrial, Técnico/a Administración Xeral, Técnico/a en Educación Infantil, Técnico/a Especialista TIC, Técnico/a Medio de Administración Xeral e Enxeñeiro/a de Montes.

Así o trasladou esta mañá a tenenta de alcaldesa e edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, que tamén explicou que, nas vindeiras semanas e logo de que conclúa o proceso de alegacións, o Concello comezará a nutrirse delas para cubrir diversos postos que se atopan vacantes na actualidade.

A responsable da área económica sinalou que a orde de publicación das listas atende a criterios de urxencia segundo as necesidades detectadas pola Administración local para ocupar as prazas baleiras nos servizos con maior carga de traballo e recordou que, até a data, posibilitaron xa preto dunha trintena de contratacións.

“O obxectivo destas Bolsas é ir xerando listas de substitución naqueles departamentos nos que se detecta unha demanda frecuente de profesionais de xeito que permitan garantir a continuidade da actividade que se desenvolve nestas áreas, sen que se vexan afectadas por circunstancias como as baixas laborais, a chegada de períodos vacacionais ou o incremento puntual das tarefas que teñen asignadas”, abondou.

Alvarellos Fondo indicou que a súa creación espertou, dende o inicio, moitísimo interese entre a cidadanía lucense até o punto de recibir preto de 12.000 solicitudes o que demostra que “son unha importante oportunidade laboral nun momento de especial dificultade pola situación de incerteza económica que xerou a crise sanitaria”, subliñou a concelleira.

“Son, xunto co resto de medidas adoptadas polo Executivo de Lara Méndez, como a entrada en vigor da RPT ou a convocatoria das OPEs, outro paso máis para mellorar a atención que a Administración local presta á veciñanza, posibilitando a provisión dos postos de traballo que poidan atoparse vacantes nun momento dado”, concluíu a tenenta de alcaldesa.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre as 8 novas Bolsas de Emprego | Descargar mp3

Noticias relacionadas