O Concello acondiciona as 20 hectáreas da parcela municipal onde se situaba o antigo vertedoiro de Teixeiro

As tarefas consisten fundamentalmente no desbroce da maleza e no clareo das zonas de bosque autóctono para mellorar a conservación das árbores de mellor porte e ir formando unha fraga que se poida gozar nun futuro

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible avanzou que cando rematen os traballos estudaranse posibles usos para este espazo público

Venres, 07 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello acondiciona as 20 hectáreas da parcela municipal onde se situaba o antigo vertedoiro de Teixeiro

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, supervisou este venres as labores de acondicionamento que o Concello está a levar a cabo na parcela municipal onde se situaba o antigo vertedoiro na parroquia de Teixeiro, que ten unha superficie superior ás 20 hectáreas.

Daniel Piñeiro explicou que “cando remate este primeiro acondicionamento da parcela, no futuro repoboarase toda a zona con especies autóctonas e estudaremos os posibles usos deste espazo público”.

Estas tarefas, que comezaron esta semana, xa se poden realizar posto que co paso do tempo o vertedoiro está completamente selado e xa non aparecen lixiviados contaminantes nas arquetas.

As actuacións que se levarán a cabo nos próximos días consistirán no desbroce de toda a maleza para previr incendios, nun clareo nas zonas de bosque autóctono para mellorar a súa conservación e eliminando aquela vexetación que lle afecte ás arbores autóctonas de mellor porte, para ir formando unha fraga autóctona da que se poida gozar nun futuro. Tamén se vai a talar unha zona moi pequena de eucaliptos e facer un clareo nuns piñeirais, para eliminar os que non presentan un bo estado.

Audio

Multimedia

Noticias relacionadas