O Concello acometeu 204 actuacións en 19 centros escolares co Plan Mellora Lugo

O Concelleiro de Educación subliñou que estas tarefas teñen o dobre obxectivo de fomentar o emprego e mellorar as instalacións de colexios e escolas infantís

Luns, 21 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, informou este luns de que o Concello realizou un total de 204 actuacións en 19 centros escolares -15 colexios públicos e as 4 escolas infantís municipais-, dentro do Plan Mellora Lugo 2016, co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento destas dependencias escolares.

Deste xeito, na área de Educación, beneficiáronse dente plan os 15 colexios públicos da cidade e as catro escolas infantís municipais: Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburger. Os traballos consistiron en pequenos retellados e eliminación de goteiras, reparacións de calexas e baixantes, revisión, limpeza e recheo de areeiros, pintura, arranxo e colocación de persianas, ou reparación de mobiliario, entre outros.

Melloras en colexios
No Colexio da Ponte fíxose o recheo de ocos na cimentacións do muro xunto ao pavillón, colocáronse tubos fluorescentes, montouse unha mesa auxiliar na dirección, así como diversas reparacións e arranxos nas instalacións deste centro.

En canto ao CEIP das Mercedes realizouse a limpeza do corredor entre o peche e o edificio de infantil, melloráronse as varandas e suprimiuse a escaleira de infantil cunha rampla de acceso.

Ademais, no centro educativo de Albeiros reparouse o motor da cancela exterior, fíxose unha canaleta perimetral en formigón no patio de Infantil, colocáronse perchas na aulas e retirouse un tubo de ferro roto no xardín, entre outras actuacións.

Nas instalacións do Colexio da Anexa pintáronse diversos corredores, realizáronse melloras nos baños do ximnasio, colocouse un encerado de cortiza na parede do corredor, así como outras reparacións e arranxos nas instalacións deste centro.

No CEIP de Casás retirouse e trasladouse o mobiliario de dúas aulas colocándoo noutras, esmaltáronse varias portas, colocáronse pechaduras novas no almacén do polideportivo e pintáronse varias paredes das instalacións afectadas por pintadas.

No centro educativo das Gándaras arranxouse o peche metálico na zona do areeiro de Infantil, reforzáronse as paredes, colocáronse encerados, mellorouse a cancela de entrada ao patio na zona do polideportivo, ou colocáronse novas xuntas metálicas no ximnasio, entre outras actuacións.

Por outra banda, no Colexio Illa Verde pintouse unha aula, reparouse o peche de tela no patio do edificio de infantil, desmontouse unha caseta de madeira neste mesmo patio, limpáronse e reparáronse varias calexas do edificio, así como diversas reparacións e arranxos.

No CEIP Luis Pimentel retirouse o mobiliario deteriorado, montáronse armarios, encerados, mesas e cadeiras en dúas aulas, reparouse un tobogán do patio de Infantil, transformouse un baño infantil en cambiador, reparáronse dúas porterías no pavillón, ou reparouse unha cancela de acceso ao centro, entre outros.

No que se refire ás instalacións do centro educativo Manuel Mallo Mallo reparouse unha beirarrúa na zona do areeiro, colocáronse tres encerados e catro paneis de cortiza, e reparouse unha porta e realizáronse diversas melloras no polideportivo, entre outras actuacións.

No centro educativo Menéndez Pelayo reparáronse postes da porta de entrada ao ximnasio, reparáronse varias beirarrúas no recinto deste colexio, pintáronse dúas portas de madeira, subiuse mobiliario a unha aula e baixouse o existente para outros locais, así como diversas reparacións e arranxos.

No Colexio de Paradai reparouse a porta de aluminio da saída ao patio, pintáronse as paredes e cortizas da entrada, colocáronse estacas para peche de separación no patio de infantil contra os setos existentes, e reparouse un bambán neste patio, entre outros.

No CEIP Quiroga Ballesteros colocouse mobiliario na aula de informática, reparouse con pintura o teito da sala de caldeiras, colocáronse portas nos aseos e reparáronse baldosas en diversas zonas, entre outras actuacións.

Nas instalacións do centro educativo de Rosalía de Castro reparouse o chan do patio de Infantil, colocouse un tramo de baixante nunha fachada, reparáronse varias beirarrúas e executouse unha rampla nunha beirarrúa para o acceso á zona verde, entre outros.

No Colexio Sagrado Corazón reparáronse as calexas e reixas do patio de xogos, mellorouse o peche dos patios, reparouse a pechadura dunha porta de aseo, así como diversas reparacións e arranxos nas instalacións deste centro.

Por último, no CEI Fingoi 2 colocáronse dez pranchas de cortiza na entrada principal, arranxáronse dous bancos para o patio cuberto, colocáronse proteccións frontais en doce radiadores do edificio, entre outras actuacións.

Melloras en garderías
Na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz montáronse dous mobles, reparouse unha goteira no tellado, limpáronse as calexas, seláronse as fiestras e reparáronse as portas do cadro eléctrico, entre outros. Na gardería Luis Soto Menor reparáronse as mesas e cadeiras no comedor e arranxáronse as patas, entre outras actuacións.

Polo que respecta á Escola Infantil María Wonenburguer reparáronse as manillas de portas, fíxose o selado exterior do tellado e recolocouse un foco do patio, entre outras actuacións. Na gardería Serra de Outes limpouse o areeiro e repúxose area, colocáronse tres reixas de ventilación, e repuxéronse azulexos, entre outros.

Plan Mellora Lugo 2016
O Plan Mellora Lugo 2016 ten unha dotación económica total de 425.000 euros para as cinco liñas de actuación que contempla. Os traballos de mantemento e conservación, que levará a cabo a entidade local teñen lugar nas áreas de Educación, Infraestruturas, Medio Rural, Deportes e Medio Ambiente. Cada una delas contará cun orzamento de 85.000 euros e, en conxunto, garántense un mínimo de 20 postos de traballo no municipio polo menos durante seis meses.

Noticias relacionadas