O Concello acomete o bacheo e desbroce das estradas de toda a zona rural

A brigada municipal estase a ocupar dos traballos, que se completarán cun plan de desbroce en fase de licitación que conta cun orzamento de 127.000 euros

Nos vindeiros días comezarán tamén as obras para dotar de aglomerado en quente a 22 estradas rurais, orzamentadas en 1,5 millóns de euros e financiadas con cargo a remanentes

Venres, 26 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, con veciños de Santa Comba, onde se acometeu a rexeneración integral do firme de todas as estradas da parroquia

O Concello está a acometer o mantemento de toda a rede viaria das 54 parroquias lucenses con traballos de bacheo e desbroces, dos que se ocupa a brigada municipal do rural, composta por catro operarios, dous condutores e un palista. Segundo informou este venres o voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, as tarefas de bacheo estanse desenvolvendo na actualidade no núcleo de Soñar, tras finalizar en Vilachá de Mera, San Pedro de Mera, Bacurín, Poutomillos, O Burgo, Calde, Bazar, Monte de Meda, Santa Eulalia de Bóveda e San Andrés de Castro (Conturiz). Nos vindeiros meses, continuarán os traballos ata completar o bacheo en todos os núcleos rurais, que suman 1.000 quilómetros de pistas.

Ao mesmo tempo, a brigada do rural traballa no desbroce das estradas, aínda que este acondicionamento completarase e chegará á totalidade das parroquias grazas a un plan de actuación que se encontra en fase de contratación e conta cun orzamento de 127.000 euros.

Tamén no rural, explicou Miguel Fernández, vénse de acometer a rexeneración integral do firme de todas as vías das parroquias de Santa Comba e San Xoán do Campo con medios do Parque Móbil da Deputación.    

Por outra banda, nos vindeiros días comezarán os traballos para dotar de aglomerado en quente a 22 estradas da zona rural, un plan cun orzamento de 1,5 millóns de euros financiado cos remanentes que logrou o Concello grazas á boa xestión económica que levou a cabo o Goberno local.

Esta serie de actuacións responden ás peticións veciñais e enmárcanse na “decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación, e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños. Sabemos do gran potencial do noso rural, que supón o 80% do territorio do municipio e o 10% da poboación”, indicou o voceiro socialista. 

Noticias relacionadas