O Concello abre o proceso de adxudicación do servizo do Centro de Día Antonio Gandoy, que conta con 50 prazas

A Xunta de Goberno aprobará mañá os pregos que rexerán este contrato, cun valor estimado para a primeira anualidade que rolda os 383.500 euros O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP

Martes, 29 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobará na reunión deste mércores a licitación da prestación do servizo do Centro de Día Antonio Gandoy, de atención ás persoas maiores. Así o deu a coñecer este martes a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, quen avanzou que a licitación se fará por procedemento aberto. Así mesmo, na sesión deste mércores aprobaranse os pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que rexerán na licitación.

Tal e como avanzou a edil, o contrato terá duración dun ano, podendo ser prorrogable por outro período máximo anual. O valor estimado da primeira anualidade rolda os 383.500 euros, ascendendo o valor total do contrato aos 767.000 euros.

“O Concello de Lugo ofrece este servizo para previr a progresión das situacións de deterioro físico e psíquico dos usuarios, para conservar e recuperar a súa autonomía persoal, para manter aos usuarios no seu medio habitual de vida, e para apoiar ás familias que atenden aos seus maiores”, asegurou González Abelleira.

A ratio do persoal de atención directa en réxime continuo será de 1 por cada 10 persoas usuarias, cun mínimo de 2 traballadores, tendo en conta que o número de prazas a xestionar é de 50, posto que no caso de medias xornadas o número de persoas usuarias é superior ao número de prazas. Para cubrir as necesidades serán necesarios 6 xerocultores a xornada completa, 2 ao 77,5% da xornada, un ao 30% e outro ao 10%. Ademais, o centro deberá contar cun director a xornada completa, un médico-xeriatra, 3 horas semanais, un ATS, 5 horas semanais, 1 fisioterapeuta, 20 horas semanais; 1 terapeuta ocupacional, 20 horas semanais, 1 TASOC, 20 horas semanais; servizo de perruquería e podoloxía, 8 horas á semana, e un psicólogo a media xornada.

Esta xestión concrétase en prestacións sociais, atención xeriátrica-rehabilitadora e social, atención á saúde psicofísica e socialización e participación.

Ademais inclúe o servizo de transporte, que consistirá no traslado dos usuarios dende o domicilio ao centro de día e dende o centro de día ao domicilio. O transporte realizarase todos os días que o centro estea aberto, cun número de vehículos de transporte que sexa suficiente para tódolos usuarios, realizando as viaxes necesarias para que estes estean no Centro nos horarios establecidos.

O dito servizo prestarse todos os días da semana, excepto festivos, a excepción de dous domingos ao mes, de luns a sábado, de 08:30 a 20:30 horas, e os domingos –1º e 3º de cada mes-, das 11:00 ás 18:00 horas.

O anuncio de licitación publicarase no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante do Concello na páxina web www.lugo.gal. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no BOP.

Noticias relacionadas