O Concello aborda as neoadiccións na xuventude nunha mesa redonda este xoves no Vello Cárcere

Será a partir das 19:00 horas no patio central deste centro sociocultural. A entrada é totalmente de balde

A mesa redonda, moderada polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará coa participación de Manuel Isorna, Doutor en Psicoloxía, Gerardo Rodríguez, da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados e María José Lamas, directora de ADAFAD

Ademais, este xoves continúan na Casa da Xuventude as sesións de nutrición, que, baixo o nome de Somos o que comemos, organiza o Concello ata xuño. Nesta sesión tratarase sobre mitos alimentarios. Arrinca ás 20:00 horas

Martes, 19 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aborda as neoadiccións na xuventude nunha mesa redonda este xoves no Vello Cárcere

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, lembrou a celebración este xoves, 21 de febreiro, da mesa redonda que organiza o Concello sobre Xuventude e adiccións sen sustancia: as neoadiccións e apostas online. Será a partir das 19:00 horas no patio central do Vello Cárcere. A entrada é totalmente de balde, ata completar a cabida. Este debate enmárcase dentro das mesas redondas sobre mocidade que vén organizando nos últimos meses o Goberno de Lugo.

Carmen Basadre convidou aos mozos e mozas luguesas, ás súas familias e á veciñanza a asistir a esta mesa redonda que versa sobre un problema tan en auxe como as adiccións sen sustancia. De feito, segundo unha enquisa de Adicción do País Vasco, publicada o pasado 2018, o 21% dos adolescentes realiza un uso problemático do móbil ou da rede e un 6,4% dos estudantes realizou apostas on line, segundo o Plan de Adiccións 2018-2020.

Esta mesa redonda, que tenta visibilizar e pór sobre a mesa un tema preocupante, contará coa participación de Manuel Isorna, Doutor en Psicoloxía e especialista en prevención de condutas aditivas; Gerardo Rodríguez, representante da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados e María José Lamas, psicóloga sanitaria e directora da Asociación de Axuda a Familias de Drogodependentes (ADAFAD). O debate, que será moderado polo xornalista Juan Carlos Rodríguez, contará con testemuños en primeira persoa.

Ademais, este xoves continúan na Casa da Xuventude as sesións de nutrición, que, baixo o nome de Somos o que comemos, organiza o Concello o primeiro e terceiro xoves de cada mes ata xuño. Nesta sesión tratarase, ao igual que a anterior, sobre mitos alimentarios. O horario é de 20:00 a 21:00 horas.

Tamén nesta semana, concretamente o sábado, terá lugar a ruta Ribeira Sacra: Parada do Sil, Mosteiro Santa Cristina, Ourense. Esta viaxe, cunha dificultade media, e unha lonxitude de 13 quilómetros, ten aberta a inscrición ata o xoves, 21 de febreiro. A saída será ás 08:00 horas do sábado dende a Casa da Xuventude, onde deben formalizarse as inscricións.

Audio

Noticias relacionadas