O Concelleiro de Zona Rural participa na recepción a 55 veciños de San Xoán do Campo que visitan hoxe A Mariña grazas ás rutas do programa Km0 da Deputación

Mércores, 18 de abril de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Zona Rural, Manuel Chaín, despediu hoxe os veciños de San Xoán do Campo que participan nas rutas de Km0, que organiza a Deputación. 55 membros da Asociación Cultural de Veciños de San Xoán do Campo viaxan hoxe á Mariña grazas a este programa da Deputación provincial.

A ruta que farán será por Viveiro. Deste xeito, tras unha visita á Fundación TIC, comerán no restaurante Val do Naseiro para coñecer despois o eucaliptal de Chavín, o convento de Valdeflores e o miradoiro de San Roque.

As rutas do programa medioambiental Km0 da Deputación de Lugo contan esta semana con 240 participantes, que redescubrirán o patrimonio paisaxístico e monumental, así como as características socioeconómicas das comarcas da Zona Sur e A Mariña grazas ás seis rutas organizadas, unha delas con actividades multiaventura. Sober, O Incio, Portomarín, Viveiro e Ribadeo son os destinos dos itinerarios, que servirán ademais para dinamizar a actividade hostaleira e artesá destas cinco localidades lucenses, contribuíndo a desestacionalizar as visitas.

Inscrición rápida e sinxela

Todos os interesados en participar no Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.

Multimedia

Noticias relacionadas