O Concelleiro de Urbanismo sinalou que nesta segunda xuntanza analizaron aspectos técnicos do PXOM

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo José López Orozco, o Concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares e os voceiros dos grupos políticos municipais, mantiveron unha nova xuntanza para analizar distintos puntos do Plan Xeral de Ordenación Municipal e chegar a un consenso na súa aprobación.

Segundo sinalou Fernández Liñares, nesta reunión tratáronse “exclusivamente aspectos técnicos do Plan”. Unha das propostas analizadas foi a do recoñecemento das industrias situadas nas principais saídas das estradas de Lugo –estrada de Santiago, Asturias e Madrid- “levan instaladas anos e non están en polígonos industriais como sería o procedente. Dende o Goberno local negociamos cos industriais o seu recoñecemento para que continúen a súa actividade, coa posibilidade de que a incrementen”.

A instalación de hortos solares, incluídos na Lei do litoral, tamén se tratou nesta xuntanza, onde se falou da posibilidade de que aparezan recollidos no PXOM. Segundo Fernández Liñares, “en casi toda España se poden establecer hortos solares en fincas rústicas. En Galicia estaba prohibido pola Lei do Solo, pero na recente lei aparece unha modificación que permite ós Concellos dar licenzas para o seu establecemento e a produción de enerxía solar”.

Outro punto analizado foi o da revisión dalgúns aspectos recollidos no Plan e relacionados con expropiacións, básicamente tapóns urbanísticos. A proposta plantexada, tal e como explicou o edil de Urbanismo, foi a de “evitar algúns casos de expropiacións de vivendas de recente construción e revisar as partidas dedicadas a elas”.

Tamén se estudou o uso dos terreos de San Cibrao. Neste punto houbo consenso entre os tres grupos políticos, “queremos que sexan urbanizables, pero non tendo en conta o Plan sectorial que había feito para o Ministerio de Defensa, senón atendendo ás necesidades que xere o novo Hospital”.

Fernández Liñares destacou de novo que está gratamente sorprendido polo entendemento entre os tres partidos políticos “dende o goberno local queremos o mellor plan para Lugo”.

Están previstas dúas novas xuntanzas para este mes de agosto, que serán o vindeiro xoves día 9 e o martes 14.

Noticias relacionadas