O Concelleiro de Protección da Comunidade presenta ao Consello Escolar o proxecto da ordenanza de civismo

Xoves, 22 de outubro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Consello Escolar Municipal, presidido pola Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, reuniuse onte, mércores 21 de outubro, para analizar diferentes aspectos relativos ao ámbito educativo da cidade. Nesta xuntanza estiveron presentes diversos representantes das diferentes esferas educativas de Lugo e o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade.

Nesta xuntaza, a Concelleira presentou un plan de acción a seguir para que os alumnos e alumnas vaian da súa casa ao colexio de maneira segura, implicando a toda a cidadanía nunhas rutas seguras. Este proxecto tivo unha gran acollida por parte dos asistentes como plan de prevención e seguridade para as nenas e nenos lucenses.

Pola súa banda, José Rábade, seguindo a liña de actuación que se está a levar a cabo para conseguir unha ordenanza de civismo consensuada, realizou unha presentación da mesma. O Concelleiro explicou aos membros do Consello que o obxectivo da ordenanza é ordear os espazos de lecer mediante un mecanismo lexislativo, atendendo principalmente a dous dos problemas que se presentan na cidade: o botellón e as pintadas na rúa.

Formulouse tamén unha proposta para convocar unha xuntanza con diferentes profesionais do ámbito educativo e dos Servizos Sociais do Concello na que se intercambiarán vivencias e experiencias en temas relacionados con menores.

Así mesmo, por maioría dos asistentes acordouse a remisión dun escrito á Consellería de Educación rexeitando o actual programa de gratuidade de libros de texto. Este acordo adoptouse por considerar o programa da Xunta como unha medida retroactiva do carácter público e gratuito da educación.

Noticias relacionadas