O Concelleiro de Protección da Comunidade participa nunha reunión sobre seguridade coas asociacións de veciños

Venres, 01 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, participou nunha reunión sobre seguridade que tivo lugar esta mañá na Sala de Xuntas da Subdelegación do Goberno en Lugo, que presidiu o Subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, e na que tamén tomaron parte representantes da Policía Local, a Policía Nacional, a Garda Civil, e a Federación de Veciños de Lugo.

As autoridades atenderon as explicacións e suxestións dos representantes veciñais e valoraron a súa posición na sociedade civil lucense, xa que existen máis dun cento de asociacións repartidas por toda a provincia e son quen mellor coñece os problemas que poidan afectar ós veciños. A xuntanza foi valorada moi positivamente por todos os asistentes.

O Subdelegado do Goberno agradeceu a súa posición institucional e construtiva e tamén indicou que “compartimos a vontade de solucionar os problemas que periodicamente se dan na sociedade”.

Vázquez Portomeñe afirmou, ademais, que a súa posición en canto á solución dos problemas que ocasionan algúns locais nocturnos basease en dous elementos:

-A actuación en termos de legalidade estrita de todas as institucións públicas que teñen competencias e responsabilidades na materia (a Xunta de Galicia no que atinxe ós horarios, o Concello en canto a ruídos e licenzas e a Subdelegación do Goberno no que respecta a consumo de drogas e infraccións á lei de seguridade cidadá)

-A intensificación do traballo dos diversos corpos de seguridade

A Subdelegación do Goberno tamén reiterou unha vez máis o beneficio que conleva xenerar confianza nas institucións, o único e efectivo cauce de solución ante este tipo de problemas; polo que non desexa abundar en liñas que, de xeito involuntario, poidan contribuír a un alarmismo excesivo en determinados sectores ou capas sociais.

Noticias relacionadas