O Concelleiro de Protección da Comunidade participa na inauguración das I Xornadas de Mocidade, Alcohol e Tráfico

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

   O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Ángel Corredoira, inaugurou esta mañá as I Xornadas Mocidade, Alcohol e Tráfico, que se celebrarán no IES Ánxel Fole ata o mércores 18 de abril. No acto, que tivo lugar ás 9:00 horas no salón de actos deste centro educativo, estiveron presentes o Sarxento José Luis Álvarez Basadre, responsable de Atestados da Policía Local, un representante da Dirección General de Tráfico e un inspector de educación.

 Estas xornadas están organizadas polo Concello de Lugo e o IES Ánxel Fole e contan cun completo programa de conferencias de especialistas, demostracións prácticas con vehículos, excarcelacións e numerosas actividades formativas destinadas aos 585 alumnos deste centro. A finalidade é sensibilizar aos mozos do grave problema que supoñen os accidentes de tráfico e da necesidade de fomentar entre a xuventude comportamentos cívicos e de prevención tanto como peóns, como futuros condutores.

 O edil destacou a importancia de desenvolver actividades formativas como esta para loitar contra a alta siniestralidade nas estradas, “que é a principal causa de mortalidade entre as persoas de entre 18 e 24 anos”. É moi necesario implicar a toda a comunidade educativa neste labor, por iso, as actividades están abertas á participación dos profesores, pais e persoal non docente do centro.
 
 Os alumnos de todos os cursos da ESO e Bacharelato recibirán durante estes 3 intensos días todo tipo de información sobre a mocidade, o alcohol e o tráfico. Bombeiros, Policías, membros de Protección Civil e da Cruz Vermella, especialistas como a ONG Stop accidentes... informarán e sensibilizarán ó alumnado, principal obxectivo destas xornadas.

 As xornadas arrincaron este luns cunha intervención do Doutor Carlos Quintáns e do Sarxento Cedrón do Corpo de Bombeiros. Xa no recreo, ás 11:30 horas, os alumnos coñeceron in situ os vehículos cos que traballan os axentes, así como os radares ou alcoholímetros. A partir das 12:00 o Sarxento da Polícia Local de Atestados, José Luis Álvarez, informou ó alumnado sobre os seus dereitos e deberes. Xa para rematar o primeiro día, a ONG Stop Accidentes presentou a conferencia de Jean Picard.

 As xornadas continuarán o martes e o mércores con diferentes cursos nos que tamén se ofrece a posibilidade de participar a nais e pais (ver programa adxunto) e profesores. Unha das actividades máis espectaculares terá lugar o martes, a partir das 16:30 horas, cunha excarcelación por parte dos Bombeiros de dous coches accidentados na que tamén participarán Cruz Vermella, Garda Civil e Protección Civil.

 O programa do martes vai dirixido aos alumnos de 3º e 4º de ESO e empezará ás 9:15 horas coa conferencias do Doutor Carlos Quintás e do Sarxento Cedrón, do Corpo de Bombeiros. As actividades desenvolveranse ao longo do día e rematarán ás 20 horas cunha serie de relatorios dos catro especialistas, o Doutor Carlos Quintás, o Sarxento Cedrón, do Corpo de Bombeiros, o Sarxento Jose Luis Álvarez de Atestados e Jean Picard da ONG Stop Accidentes, destinados aos pais e nais.

Noticias relacionadas