O Concelleiro de Medio Ambiente presentou o informe enviado a Fomento para o estudo informativo da nova ponte

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, presentou o informe que o Concello de Lugo remite ó Ministerio de Fomento para o estudo informativo da nova ponte sobre o río Miño.

A nova documentación recibida polo Concello e que derivou neste novo informe, chegou ó Goberno Local hai uns días, e é o resultado das diferentes consultas feitas polo Ministerio de Medio Ambiente a diversos organismos e institucións públicas e privadas para determinar se é preciso ou non a realización dunha avaliación de impacto ambiental.

As modificacións feitas por Fomento no estudo informativo inicial, implican que estos organismos, xa consultados con anterioridade, deban opinar de novo se cren que existe algún impacto para o que o Ministerio non contemple medidas preventivas ou correctoras.

Neste senso, os técnicos municipais, como sinalou González Dopeso, “que só fan unha valoración medioambiental”, consideran que a solución que propón Fomento para a alternativa dúas, e que contempla a construción dunha estrutura de 50 metros de lonxitude que uniría o ramal de enlace coa Avenida de Magoi “causa un maior impacto visual e ambiental” que a proposta inicial.

Por iso, o Concelleiro, dixo que a suxerencia que fan, sempre dende o punto de vista medioambiental, é que se “suavicen as pendentes da vaguada, o que permitiría chegar suavemente ó enlace coa Avenida de Magoi e ganar un espazo”.

Neste senso, González Dopeso dixo que existe a opción de aproveitar ademais para prantar árbores autóctonas, o que contribuiría a minimizar o impacto visual da obra e das súas proteccións acústicas.

González Dopeso recordou de novo que esta é unha importante infraestrutura para a cidade que realiza e promove o Ministerio de Fomento. Tamén indicou que o estudo informativo se refire ás tres alternativa que baralla a Administración Central que só pediu a valoración ambiental de diferentes institucións.

Agora terá que ser o Ministerio de Medio Ambiente o que determine se é necesaria ou non o estudo de impacto ambiental.

Noticias relacionadas