O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural recibe na Casa do Concello a dúas colaboradoras de Axunica

Xoves, 24 de setembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Medio Ambiente e Zona Rural, Lino González Dopeso, recibiu na Casa do Concello a Chilo Talavera de Fundavi, e Elisa Cavaría de Calli Tanday (Casa de Unión) colaboradoras da fundación lucense AXUNICA que está a colaborar co desenvolvemento de Nicaragua.

A súa visita trata de dar a coñecer o labor que están a levar a cabo nas zonas máis desfavorecidas do país americano e os maiores problemas que existen alí. A intención das colaboradoras de AXUNICA é a de concienciar e sensibilizar aos lucenses coa pobreza que está a vivir unha boa parte da poboación nicaragüense e, sobre todo, a situación das mulleres.

O Concello de Lugo ven colaborando con esta ONG dende o ano 2003 no desenvolvemento de diferentes proxectos como de iluminación, a construción dun centro de saúde ou dunha casa comunal.

O Concelleiro de Medio Ambiente manifestou a disposición do Concello para seguir mantendo unha boa relación co pobo nicaragüense e seguir a facer todo o posible para cooperar coa fundación e traballar en común para fortalecer as institucións democráticas e potenciar a colaboración cos diferentes proxectos humanitarios que se están a levar a cabo. Indicou que “Lugo é un Concello pequeno cun orzamento pequeno pero entendemos que a cooperación é fundamental para o desenvolvemento doutras sociedades”, e engadiu “a aportación que realiza o Concello é moi pequena pero pretende reforzar a sensibilización e a colaboración que lles permita facer cousas grandes e pequenas”

Multimedia

Noticias relacionadas