O Concelleiro de Medio Ambiente denuncia que a Xunta discrimina a Lugo e ós concellos que non son do PP nos investimentos previstos por Augas de Galicia para 2012

Venres, 18 de novembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Lugo e Ourense só levan o 10% do presuposto e catro dos cinco concellos lucenses beneficiados están gobernados polo PP

González Dopeso lamentou que a estas alturas do ano a Xunta aínda non limpara a Muralla

O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, denunciou hoxe que a Xunta de Galicia discrimina a Lugo e ós concellos que non goberna o Partido Popular. “Feijóo como o Partido Popular favorece máis a quen máis ten, mentres Lugo e Ourense fan que Galicia sexa rexión Obxectivo 1, ese é o seu xeito de entender o reequilibrio territorial”, dixo o Concelleiro de Medio Ambiente, que deu a coñecer o importe dos investimentos definidos nos presupostos para 2012 de Augas de Galicia, organismo que depende da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio.

Só o 10% do total dos investimentos definidos nos orzamentos de Augas de Galicia para 2012 están adicados ás provincias de Lugo e de Ourense mentres que A Coruña e Pontevedra, as provincias máis ricas de Galicia, levan o 90%.

Na provincia de Lugo son cinco os concellos beneficiados e catro deles están gobernados polo Partido Popular: Lourenzá, Folgoso, Cospeito e Taboada. O quinto, Ribadeo, ten alcalde do BNG.

Por provincias, os investimentos definidos de Augas de Galicia distribúense deste xeito: á provincia de Lugo adícanse 33.247.200 euros, que representan o 9,41%, e a de Ourense leva 1.366.053 euros, equivalente ó 0,38%. Pola súa parte, os investimentos na provincia de Pontevedra suman 196.469.878 euros, é dicir o 55% do total e A Coruña 122.170.276 euros, que supoñen un 35%.

Ademais, González Dopeso volveu criticar a discriminación que sofren as provincias de Lugo e Ourense “que pagan o canon de verquido mentres as provincias da Coruña e de Pontevedra, que son as que máis contaminan, non pagan ese canon o que e vai contra a máxima da Unión Europea segundo a cal quen contamina paga”.

Urxente limpeza da Muralla

O Concelleiro de Medio Ambiente tamén lle reprochou á Xunta de Galicia o estado no que se atopa a Muralla romana.

González Dopeso urxiu á Xunta a poñer en marcha “dunha vez o anunciado plan de limpeza” e advertiu de que “de non ser así, deseguida chegará a marzo e volverán a aniñar os vencellos”.

O Concelleiro apoiou esa advertencia nunha libre adaptación da célebre rima de Bécquer: “Volverán los vencejos sus nidos en la Muralla a colgar, pero la Xunta, la Xunta la seguirá sin limpiar”.

Multimedia

Noticias relacionadas