O Concelleiro de Infraestruturas anuncia o investimento de case 140.000 euros na mellora de 7 rúas da cidade

Sábado, 10 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo, José Piñeiro, referiuse hoxe á adxudicación de novas obras en sete rúas da cidade cun investimento de 131.947 euros.

Son as rúas Cambria e Celso Emilio Ferreiro que xa foron adxudicadas á empresa lucense Asogal, e as rúas Pintarrubio, Cruceiro, Flor de Toxo, Cuadramón e Dolmen, que serán adxudicadas na próxima Xunta de compras.

Trátase de traballos de mantemento que inclúen a rexeneración de firmes e pavimentos e a limpeza e pintura. Ademais, aproveitaranse as obras para eliminar as barreiras arquitectónicas para os peóns .

Piñeiro destacou que "continúa así o traballo levado a cabo dende a Concellería de Infraestruturas. No último mandato reurbanizáronse de novo máis de 250 rúas en todas as zonas de Lugo".

Plan de mantemento e rexeneración

O edil de Infraestruturas anunciou ademais que se está a levar a cabo dende o seu departamento, un estudo no que se analizan as rúas que máis se deterioran da cidade e que precisan máis arranxos, para incluilas nun Plan de mantemento e rexeneración que se estenderá por todos os barrios.

En canto ó orzamento previsto para estas obras, supera os 130.000 euros e distribúese da seguinte forma:

- Rúa Celso Emilio Ferreiro: 29.964 euros. Xa adxudicada.

- Rúa Cambria: 28.223 euros. Xa adxudicada.

- Rúas Pintarrubio e Cruceiro: 17.713 euros. Están situadas na zona de Albeiros e serán adxudicadas na vindeira Xunta de compras.

- Rúas Flor de Toxo e Cuadramón: 26.203 euros. Están situdadas na zona da Avenida da Coruña e serán adxudicadas na vindeira Xunta de compras.

- Rúa Dolmen: 29.841 euros. Está situada na zona de Garabolos e será adxudicada na vindeira Xunta de compras.

Noticias relacionadas