O colexio de Albeiros estrea o curso escolar cun novo comedor financiado polo Concello con 56.000 euros

Venres, 10 de setembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, e a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, visitaron esta mañá o colexio público de Albeiros que comezará o curso escolar cun novo comedor.

O Concello investiu 56.000 euros para dotar ó centro do comedor que se fixo aproveitando que quedara baleira a vivenda do conserxe, na que se instalou tamén un local para a ANPA.

O proxecto supuxo, entre outras obras, a renovación da instalación eléctrica, a fontanería e a instalación do equipamento preciso para o servizo de comedor.

O Alcalde salientou que “o gasto en educación e o mellor investimento que se pode facer porque cada euro que se inviste nun colexio multiplicase ó mellorar a formación dos cidadáns”. Tamén manifestou que o Concello seguirá colaborando coas comunidades educativas e coa Consellería de Educación e desexoulle un bo comezo de curso ó claustro de profesores e a directiva do ANPA que asistiron ó acto. Estiveron presentes tamén os Concelleiros de Infraestruturas, José Piñeiro, e de Servizos Sociais, Carmen Basadre.

O director do colexio de Albeiros, Manuel Fernández Sarceda, considerou pioneiro o feito de que a ANPA dispoña dun local no centro escolar. Tamén dixo que as obras que se fixeron este verán no centro escolar, ademais da instalación do comedor escolar, permitiron recuperar a antiga sala de servizos múltiples e supuxeron a renovación de persianas; dotouse de internet, teléfono e televisión ó edificio de educación infantil no que tamén se instalou un taboleiro de anuncios, e ademais pintáronse os campos deportivos do centro escolar.

Este é só un dos investimentos que leva feito o Concello na área de educación: este verán, por exemplo, adicáronse uns 130.000 euros a traballos de reparación e mantemento nos colexios públicos de Lugo. Durante os meses de xullo e agosto fixéronse obras por importe de 90.000 euros e a semana pasada aprobáronse 40.000 euros máis para mellorar o estado dos centros escolares do municipio, unhas obras que se farán neste mes de setembro fóra do horario lectivo para non entorpecer a actividade escolar, todo elo dacordo cos directores dos centros, cos que se reuniu para abordar este asunto a Concelleira de Educación, Dolores Vieiro.

O Concello de Lugo está a facer este importante esforzo económico en materia de educación, como nas outras áreas sociais, porque o Goberno local ten como un dos principais obxectivos da súa xestión a igualdade de oportunidades e o estado do benestar.

Endebedamento dos Concellos

O Alcalde valorou, en declaracións ós medios de comunicación, a decisión do Goberno de autorizar ós Concellos que estean saneados economicamente a contraer créditos o ano que vén. López Orozco dixo que lle parece “unha medida moi atinada que reivindicamos a través da FEMP, aínda que agora hai que ver o que di a letra pequena”.

Tamén explicou que “nós levamos moito tempo apertando o cinto e iso permítenos ter unha boa situación económica que nos permitirá facer investimentos por exemplo nun plan de beirarrúas o seguir coas obras na zona rural e axudaranos a seguir creando emprego”.

Ademais López Orozco insistiu en que “é necesaria unha Lei de Financiamento das Administracións Locais”.

Novo Hospital

Sobre o novo Hospital, o Alcalde manifestou, a preguntas dos xornalistas que “o que nos interesa é que o inauguren o antes posible, nos temos xa todo feito e a necesidade do novo Hospital é imperiosa”.

Multimedia

Noticias relacionadas