O Clinic Lugo é Basket e o Campus Comenza achegarán o baloncesto aos máis cativos a partir deste sábado

O clinic terá lugar o sábado 3 de setembro con ponencias de tres adestradores, mentres que o campus celebrarase do 5 ao 9 de setembro para nenos e nenas nados entre o 2001 e 2008

Mércores, 31 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Clinic Lugo é Basket e o Campus Comenza achegarán o baloncesto aos máis cativos a partir deste sábado

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o Xefe Territorial de Deportes, Manuel Otero “Cadramón”, e o Director Deportivo da Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, Rubén Engroba, presentaron este mércores no Salón de Plenos o Campus Comenza e o Clinic Lugo é Basket.

Miguel Fernández agradeceu á Asociación Xuvenil Sagrado Corazón “o esforzo que, ano tras ano, realizan para que rapaces e rapazas fagan realidade a súa ilusión, xogar a baloncesto baixo a atenta mirada dos seus ídolos, e así aprender todo o posible”.

Ademais, o edil mostrou toda a colaboración do Concello con todas as entidades que favorezan a socialización dos rapaces e rapazas, sendo este un dos máis numerosos, xa que en anos anteriores se superou a cifra de 60 participantes.

Pablo Rivera amosouse satisfeito coa celebración destas actividades sinalando que “o clínic conta cun cartel de luxo e a súa celebración, xunto co campus, farán que o baloncesto sexa unha vez máis referente en Lugo. Agardamos que estas actividades perduren ao longo dos anos e, dende logo, a Deputación vai a estar aí para botar unha man”.

Pola súa banda, Rubén Engroba agradeceu a implicación de todos os patrocinadores destes dous eventos, esperando que haxa continuidade no tempo neste tipo de colaboracións.

O clinic, que terá lugar o sábado 3 de setembro no Pazo Provincial dos Deportes, contará con tres destacados adestradores que tentarán amosar os seus coñecementos aos asistentes, contando as súas horas como lectivas para os cursos oficiais de adestradores. O clinic ten un prezo de 25 euros, sendo de 20 euros no caso de grupos.

Mentres que o campus, que se celebrará do 5 ao 9 de setembro no anexo do Pazo Provincial dos Deportes, está dirixido a nenos e nenas nados entre o 2001 e 2008. O horario é das 10:00 ás 14:00 horas, con opción de madrugadores dende as 8:45 ás 14:00 horas. O prezo do campus é de 60 euros e a opción de madrugadores custa 70 euros. Este campus conta con actividades na piscina, xogos, competicións deportivas, adestramentos con xogadores profesionais e outras actividades.

Noticias relacionadas