O Ciclo Lugo ten música achega cinco actuacións ás rúas durante o mes de abril

Manuel Núñez, Carlos Méndez, José Manuel Brea e Ayla Armesto presentaron o programa de concertos, que continuará ata o comezo do verán e no que participan as agrupacións de alumnos da Escola Municipal de Música

Martes, 11 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Ciclo Lugo ten música achega cinco actuacións ás rúas durante o mes de abril

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o director da Escola Municipal de Música de Lugo, Carlos Méndez, o presidente da asociación de usuarios desta escola, José Manuel Brea, e a tesoureira deste colectivo, Ayla Armesto, presentaron este martes na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías as actuacións que se realizarán durante o mes de abril dentro do ciclo Lugo ten música.

Na presentación, Manuel Núñez explicou que “con este ciclo de concertos trátase de levar actividades á rúa co obxecto de entrar en contacto coa cidadanía, polo que durante o mes de abril haberá cinco actuacións musicais deste ciclo Lugo ten música, que continuará ata o comezo do verán”.

Pola súa banda, José Manuel Brea e Ayla Armesto agradeceron “o apoio do Concello con este proxecto, que está organizado conxuntamente pola Escola Municipal de Música e a asociación de usuarios desta escola”. As actividades continuarán durante os vindeiros meses e nelas participarán as agrupacións formadas por alumnado da Escola Municipal de Música.

Finalmente, Carlos Méndez subliñou que “se trata tamén dunha acción formativa para o alumnado, que permite que as distintas agrupacións da escola saían á rúa e sexan coñecidas pola cidadanía”.

O programa para este mes de abril comeza o martes 18 cun ensaio aberto do Círculo de Tambores, na Praza da Soidade, ás 20:15 horas. O luns 24 terá lugar un ensaio aberto da Banda Infantil, na Praza Maior, ás 18:00 horas.

O martes 25 haberá clases abertas ao público de Pito Pastoril Galego na rúa, que terán lugar na Praza da Soidade, dende as 16:00 ata as 19:30 horas. Ese mesmo día tamén se realizará un ensaio aberto ao público do Grupo Didáctico de Pito Galego, na Praza da Soidade, ás 19:30 horas.

A última actuación deste mes será a da Big Band da Escola Municipal de Música de Lugo e Young Murajazz Big Band, que ofrecerán un concerto o domingo 30, na Praza de España de Rábade, ás 12:00 horas.

Audio

  • Manuel Núñez  presentando "Lugo ten música" | Descargar mp3

Noticias relacionadas