O ciclo de danza Atopémonos Bailando amplía a programación cultural

Maite Ferreiro: “trátase dunha programación de pezas curtas de danza e obradoiros para achegar a danza ás veciñas e veciños”

Atopémonos Bailando é proxecto de reactivación de espectáculos de danza organizado pola área de Cultura e o Colectivo Glovo

Xoves, 08 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O ciclo de danza Atopémonos Bailando amplía a programación cultural

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou, xunto con integrantes do Colectivo Glovo o ciclo Atopémonos Bailando, co que se amplía a programación cultural do auditorio municipal Gustavo Freire nos días 13, 16 e 17 de abril. Atopémonos bailando é un proxecto de reactivación de espectáculos de danza impulsado polo Colectivo Glovo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira, e apoiado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e subvencionado pola Agadic a través das axudas ao Impulso do Sector Escénico da Xunta de Galicia no 2020.

“Este ciclo reunirá a compañías emerxentes da danza contemporánea galega e lucense, ás que se unirán a investigadora Sabela Mendoza e a xornalista Nieves Neira”, explicou Maite Ferreiro. Entre as compañías locais e galegas convocadas atópanse Alejandra Balboa, Cía Exire (Alba Fernández Cotelo e Estefanía Gómez), Fran Martínez, Diego Buceta e Cris Vilariño.

Maite Ferreiro afirmou que “o ciclo Atopémonos Bailando é un encontro do público coa creación a través dunha programación de pezas curtas de danza acompañada de obradoiros para achegar este tipo de espectáculos á veciñanza”. Atopémonos bailando acolleu xa unha residencia de reactivación do espectáculo Mapa de Colectivo Glovo tras a parada provocada pola COVID-19 para unha posta a punto ante a xira do 2021 do espectáculo, que foi seleccionado no circuito nacional Danza A Escena 2021.

PROGRAMA ATOPÉMONOS BAILANDO 2021:

Obradoiros:

  • 13 de abril de 17.30h a 19.30h. Obradoiro de Cris Vilariño en Escola Palimoco. Para nenas e nenos de 9 a 12 anos.
  • 16 de abril de 12h a 14h (streaming). Obradoiro de Fran Martínez no Conservatorio de Danza de Lugo. Para alumnado do Conservatorio.
  • 17 de abril de 10h a 11.30h. Obradoiro de Alejandra Balboa no MIHL. Para todos os públicos. Día 17 de abril de 12h a 13.30h. Obradoiro de Cía Exire no MIHL. Para estudantes de danza de todas as idades.
  • 17 de abril de 16h a 17.30h. Obradoiro de Diego M. Buceta + Atenea García no MIHL. Actividade para todos os públicos sobre identidade de xénero.

Programación:

  • 16 de abril ás 20h. Funcións de Alejandra Balboa, Cía Exire e Diego M. Buceta. Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.
  • 17 de abril ás 20h. Funcións de Cris Vilariño, Colectivo Glovo e Fran Martínez. Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.

Colectivo Glovo

GLOVO Colectivo Glovo nace no 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), xerando así un espazo de creación onde ambos, intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa. Residentes en Galicia dende 2019, traballan na creación da escena tanto para teatros coma espazos non convencionais, xa que un dos seus principais obxectivos coma compañía é aumentar as dimensións do alcance das dinámicas do corpo. Glovo admite a súa paixón pola linguaxe do movemento e persegue a investigación das novas expresións escénicas partindo do propio corpo sen limites establecidos. Ademais, e paralela a esta faceta creativa, a cía. busca aportar semente ao tecido artístico presente na comunidade xerando espazos de colaboración con outras agrupacións e artistas procurando o achegamento entre o maior número de creadores, intérpretes e mentes-corpo inquedas. Dende a súa fundación no 2016, Colectivo Glovo percorreu diferentes países coma España, Portugal, Italia ou México, entre outros. Coa súa primeira peza M A P A, recibiu mencións en festivais coma Corto In Danza (Italia), La Espiral Contemporánea (Santander), así como o premio do público no Certame Coreográfico Internacional de Solos e Dúos Sólidos En Danza (Ourense) ou o Primeiro Premio no Certame Coreográfico Internacional de Burgos & New York – Bailando con Piedras. Formou parte do circuito Red Acieloabierto 2020 e dende 2018 colabora coa firma de moda Adolfo Domínguez (Premio Nacional de Deseño de Moda 2019).

Audio

  • A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, sobre o ciclo Atopémonos Bailando | Descargar mp3

Noticias relacionadas