O CETAL contará con máis de tres millóns de euros para levar a cabo os proxectos da vindeira anualidade

Venres, 27 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu hoxe a xuntanza do padroado do CETAL na que fixo un balance das actividades da fundación así como das súas contas anuais.  López Orozco afirmou que “nesta xuntanza tratouse de dar máis continuidade á Fundación e tratar de apurar aínda máis a construción do edificio que servirá como soporte físico do CETAL”.

Por outra banda, o Alcalde explicou que nesta xuntanza se aprobou a presencia do novo director xeral do Centro Tecnolóxico e Agroalimentario de Lugo, Enrique Rey, en todas as reunións do padroado con voz pero sen voto.

Para a vindeira anualidade o centro contará cun orzamento de 3.105.000 euros que  se destinará a dar continuidade a algúns dos proxectos iniciados no 2008 cumplindo cos fins fundacionais de promoción, impulso e apoio do desenvolvemento tecnolóxico e a competitividade do sector agroalimentario.

Seguirase avanzando na área de actuación medioambiental co estudio de valorización de sueros das queixerías e dos residuos de matadeiro. Ademais, continuarase coa realización das actividades do Inventario de Residuos e Tecnoloxías aplicadas aos mesmos estudando as que poidan aportar maior valor tecnolóxico aos diversos sectores e que ao mesmo tempo sexan as máis representativas en volúme de empresas afectadas. Tamén se realizará o proxecto sobre aproveitamento enerxético de residuos en explotacións agrícola-gandeiras. Rendimentos das distintas posibilidades: biomasa, biogas…

En canto ao ámbito de alimentación e da saúde, colaborarase cos grupos de traballo da USC en proxectos orientados ao desenvolvemento de productos funcionais e, con outras entidades, colaborarase no desenvolvemento de protocolos de actuación para a validación mediante estudos clínicos dos “claims” en etiquetado.

Tamén se actuará na área de mellora na competitividade das industrias agroalimentarias, con aplicacións das TIC interesantes para as pequenas e medianas empresas do sector, a mellora do portal www.cetal.es ata conseguir que sexa unha ferramenta de uso continuado e dinámico para as empresas. Ademais, continuarase realizando unha asistencia técnica en estudos de mercado, en novos lanzamento, desenvolvendo o proxecto “ventanilla tecnolóxica” para as empresas.

As actividades formativas tamén están incluídas nos proxectos precistos para o ano 2008, coa realización de diversas xornadas informativas do sector.

Noticias relacionadas