Os Centros de Convivencia de Lugo contan con pictogramas para facilitarlles a comunicación a persoas con autismo

Os centros Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e Sagrado Corazón xa contan con 40 pictogramas instalados que permiten eliminar barreiras comunicativas

Luns, 13 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Pictograma nunha porta do Centro Social

A Concellería de Benestar Social e Igualdade informa da instalación de diferentes pictogramas nas dependencias de servizos sociais municipais para eliminar barreiras comunicativas. 

A asociación CAPACES é a encargada de deseñar e instalar os pictogramas nos diferentes centros de convivencia municipais. Os primeiros centros que contan con estas imaxes son o Uxío Novoneyra, o Maruja Mallo e o do Sagrado Corazón e nos que se instalaron un total de 75 pictogramas. En total, serán preto de 200 imaxes as que se instalen nos sete centros de convivencia do Concello.

Estas adaptacións con pictogramas axudarán ás persoas con autismo a saber onde se atopan e o que van facer, proporcionándolles seguridade e autonomía no uso das instalacións. Esta adaptación visual tamén suporá unha axuda para outros colectivos como persoas maiores, con discapacidade intelectual ou con dificultades de comprensións lingüística.

Os pictogramas son representacións visuais dun obxecto, unha acción ou mesmo un concepto abstracto que facilitan a expresión e a comprensión da mensaxe, centran a atención da persoa, e axudan a estruturar o tempo e o espazo, así como a planificar as actividades. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto de accesibilidade levado a cabo pola Federación de Autismo de Galicia, co apoio da Fundación ONCE, nos concellos galegos.

Noticias relacionadas