O centro Europe Direct Lugo organiza o xoves unha xornada aberta e gratuíta sobre agricultura ecolóxica e o deseño de hortos sostibles

O Concello de Lugo lanza a iniciativa no marco da súa estratexia de sostibilidade, onde a alimentación de quilómetro cero e o autoconsumo son claves.

Estará impartida por Carlos Brea, enxeñeiro agrícola; e Luis Ruiz, profesor da Escola Técnica de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas da UPM.

O evento terá lugar no salón de actos do CEI Nodus, a partir das 10:30 horas, e tamén poderá seguirse en directo na canle de Facebook de Europe Direct Lugo.

Luns, 13 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O centro Europe Direct Lugo organiza o xoves unha xornada aberta e gratuíta sobre agricultura ecolóxica e o deseño de hortos sostibles

O centro Europe Direct pertencente ao Concello de Lugo organizará o vindeiro xoves, 16 de decembro, a partir das 10:30 horas, a xornada “Hortos urbanos e agricultura ecolóxica, cara a unha alimentación máis sostible”, no salón de actos do Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus), situado en Garabolos.

Será unha xornada aberta ao público e totalmente de balde, na que se afondará nos principios da agricultura ecolóxica e o deseño de hortos sostibles, coa participación de dous expertos: Carlos Brea Pallares, enxeñeiro agrícola, asesor de explotacións agrícolas e gandeiras e Máster en Calidade e Medio Ambiente; e Luis Ruiz García, profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas; responsable do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico na Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

O Concello de Lugo lanza a iniciativa no marco da súa estratexia de sostibilidade, onde a alimentación de quilómetro cero e o autoconsumo son claves. Neste senso, a Alcaldesa, Lara Méndez, vén de presentar unha iniciativa enmarcada no proxecto LIFE, financiado pola Unión Europea, para a creación dunha innovadora zona verde na cidade, de aproximadamente 12.610m² no entorno da Garaballa, da que dará conta durante a xornada o profesor Luis Ruiz. Este espazo, situado a carón do edificio Impulso Verde, contará con novos hortos urbanos, adaptados a diferentes idades e usos sociais, proxectándose, deste xeito, hortos terapéuticos, para maiores, escolares, familiares e didácticos, en prol da convivencia interxeracional.

Ademais, estes novos hortos urbanos uniranse aos xa acondicionados polo goberno de Lara Méndez nos últimos anos, nunha extensión de 3.000m² no parque dos Paxariños, como espazo de convivencia social ao redor da labranza individual de pequenas parcelas para autoconsumo.

Nestes momentos, atópase aberto o prazo para renovar a concesión destes hortos, 32 en total, que se poñen ao dispor da cidadanía interesada, de forma totalmente gratuíta, coa única condición de que as usuarias e usuarios deberán prescindir de produtos químicos de sínteses. Este requirimento implica, alén, a fertilización orgánica da parcela, o uso de sementes ecolóxicas e de variedades locais, así como a súa rotación. Actualmente estanse a avaliar as solicitudes e a previsión é que no vindeiro mes de xaneiro poidan estar adxudicados.

A agricultura ecolóxica é un dos ámbitos prioritarios de actuación incluídos no Pacto Verde Europeo (European Green Deal), a estratexia de crecemento sostible e integradora da UE, que ten como obxectivo impulsar a economía, mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas e coidar da natureza.

Programa

  • 10:30 Horas: Inauguración da xornada.
  • 10:45 Horas: Introdución á Agricultura Ecolóxica.
  • Concepto.
  • Diferenzas entre Agricultura Ecolóxica, Agricultura Convencional e Agricultura Industrial.
  • Principios da Agricultura Ecolóxica.

Carlos Brea Pallares, experto Enxeñeiro Agrícola, asesor de explotacións agrícolas e gandeiras e Máster en Calidade e Medio Ambiente.

  • 11:45 Horas: Pausa café.
  • 12:00 Horas: Hortos ecolóxicos e hortos urbanos.
  • Do horto familiar ao horto ecolóxico. Compromiso ambiental. Cultivando saúde.
  • Hortos en pequenos espazos. Hortos urbanos. Hortos en balcóns e terrazas.
  • Condicionantes na implantación dun horto. Planificación e deseño do horto.

Carlos Brea Pallares, experto Enxeñeiro Agrícola, asesor de explotacións agrícolas e gandeiras e Máster en Calidade e Medio Ambiente.

  • 13:00 Horas: Pausa café.
  • 13:15 Horas: Presentación dos novos hortos urbanos do Concello de Lugo, no marco do proxecto LIFE Lugo+ Biodinámico.

Luís Ruiz García, profesor titular da Escola Técnica Superior de Enxeñería Agronómica, Alimentaria e de Biosistemas; responsable do proxecto LIFE Lugo+ Biodinámico na Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

  • 14:15 Horas: Quenda de preguntas.
  • 14:30 Horas: Clausura da xornada.

Noticias relacionadas