O Cemiterio Municipal de San Froilán lidera o concurso de mellor actividade de portas abertas

Todos as persoas interesadas poden apoiar a proposta de Lugo neste certame ata o 30 de setembro en www.revistaadios.es

Esta é a segunda ocasión na que o camposanto lugués participa neste concurso convocado por Adiós Cultural, acadando na primeira, no ano 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España

Venres, 28 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Cemiterio Municipal de San Froilán lidera a día de hoxe o IV Concurso de cemiterios españois, convocado pola Revista Adiós Cultural, na modalidade de mellor actividade de portas abertas nos cemiterios. Todas as persoas interesas en apoiar a candidatura do Concello de Lugo neste certame poden facelo ata o 30 de setembro en www.revistaadios.es, ou ben a través de www.lugo.gal.

Para o Goberno de Lugo, "a participación neste concurso supón unha nova ocasión para visibilizar o patrimonio lugués e para marcar un paso máis na potenciación do cemiterio de San Froilán, non só como obxecto de turismo patrimonial, senón tamén emocional".

Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de San Froilán participa neste concurso, acadando na primeira, no ano 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España. Desta volta, o Concello compite con Torrelavega, Barcelona, Avilés, Granada, Monturque, Frailes, Zaragoza e Abaurrea Alta.

Para participar neste certame, a entidade local elaborou unha memoria da programación de actividades culturais realizadas no recinto do cemiterio durante os últimos anos, para a posta en valor da riqueza artística do patrimonio histórico e cultural que se custodia no recinto, e para potencialo como un espazo de reflexión, calma e acougo. A traxectoria é froito dunha actividade planificada e ardua, cun obxectivo claro que ademais de potenciar a difusión entre a cidadanía da riqueza patrimonial do cemiterio, tamén pretende afondar  no concepto da morte como parte ineludible do ciclo vital e contribuír a unha visión máis asertiva do feito natural do fin da vida.

Noticias relacionadas