O Cemiterio Municipal de San Froilán, finalista no IV Concurso de cemiterios españois da revista Adiós Cultural

Esta é a segunda ocasión na que o camposanto lugués participa neste concurso, acadando na primeira, no ano 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España

O Concello presentou a súa candidatura na categoría de mellor actividade de portas abertas nos cemiterios. Todos as persoas interesadas poden apoiar a proposta de Lugo neste certame ata o 30 de setembro en www.revistaadios.es

Para Rosana Rielo, "a participación neste concurso supón unha nova ocasión para visibilizar o noso patrimonio e para marcar un paso máis na potenciación do cemiterio de San Froilán, non só como obxecto de turismo patrimonial, senón tamén emocional"

Xoves, 06 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Cemiterio Municipal de San Froilán, finalista no IV Concurso de cemiterios españois da revista Adiós Cultural

O Cemiterio Municipal de San Froilán é finalista do IV Concurso de cemiterios españois convocado pola Revista Adiós Cultural, activo que divulga a cultura funeraria, en cuxa folla de ruta marca como obxectivos a potenciación de actividades culturais en torno aos cemiterios, a posta en valor do patrimonio funerario e a súa difusión.

 Así o vén de anunciar a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen avanzou que se trata dunha primeira fase do certame, logo do ditame do tribunal de especialistas en arquitectura, arte, socioloxía, historia e medio ambiente, nomeado para os efectos, que seleccionou dez candidatos dentro de cada unha das cinco categorías existentes, entre as 80 opcións presentadas. A partir de agora, as propostas seleccionadas polo xurado sométense á votación pública a través da páxina www.revistaadios.es co obxecto de que a cidadanía poida elixir a gañadora. Teñen ata o día 30 de setembro.

O Concello presentou a súa candidatura na categoría de mellor actividade de portas abertas nos cemiterios, que se suma ás de mellor cemiterio, mellor monumento arquitectónico, mellor iniciativa medioambiental e mellor historia documentado. Para elo, segundo explicou Rielo, elaborouse unha memoria da programación de actividades culturais realizadas no recinto do cemiterio durante os últimos anos, para a posta en valor da riqueza artística do patrimonio histórico e cultural que se custodia no recinto, e para potencialo como un espazo de reflexión, calma e acougo.

A traxectoria é froito dunha actividade planificada e ardua, cun obxectivo claro que ademais de potenciar a difusión entre a cidadanía da riqueza patrimonial do cemiterio, tamén pretende afondar  no concepto da morte como parte ineludible do ciclo vital e contribuír a unha visión máis asertiva do feito natural do fin da vida.

Esta é a segunda ocasión na cal o Cemiterio de San Froilán participa neste concurso, acadando na primeira, no ano 2015, o galardón de Mellor Monumento Arquitectónico de España. Desta volta, o Concello compite con Torrelavega, Barcelona, Avilés, Granada, Monturque, Frailes, Zaragoza e Abaurrea Alta.

Para Rosana Rielo, "a participación neste concurso supón unha nova ocasión para visibilizar o noso patrimonio e para marcar un paso máis na potenciación do cemiterio de San Froilán, non só como obxecto de turismo patrimonial, senón tamén emocional".

Audio

  • Rosana Rielo sobre o "IV Concurso de cemiterios españois da revista Adiós Cultural" | Decargar mp3
  • Cartel do "IV Concurso de cemiterios españois da revista Adiós Cultural" | Descargar jpg

Noticias relacionadas