O Casco Histórico será este San Valentín o escenario dunha xincana coa que desmitificar o amor romántico

A proba, de carácter gratuíto e que terá lugar o vindeiro venres, 14 de febreiro, está organizada polas áreas de Muller e Xuventude

A consecución da igualdade é un dos eixos transversais que persegue o goberno de Lara Méndez o que se demostra tamén no feito de que Lugo sexa a única cidade con marca propia feminista Mulleres con Forza

Venres, 07 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Se o amor apreta… no é da túa talla!!

A conclusión non pode ser máis clara. Baixo este lema, a área de Igualdade, Muller e Xuventude prepara unha xincana que terá lugar o vindeiro venres, 14 de febreiro, no Casco Histórico de Lugo.

Unha proba de estratexia e habilidade, dirixida á mocidade lucense e coa que se pretende desmitificar o amor romántico e os tópicos que rodean as relacións sentimentais na procura da consecución da igualdade como un dos eixos transversais que persegue o goberno de Lara Méndez como se demostra xa no propio feito de que Lugo sexa a única cidade con marca propia feminista Mulleres con Forza.

“Trátase dunha actividade novidosa e educativa coa que queremos dar a coñecer á rapazada outras alternativas ás historias de amor de conto, rachando cos estereotipos estendidos na sociedade e xa interiorizados de forma inconsciente, que inflúen e condicionan as nosas crenzas e actos no ámbito das relacións afectivas”, explicou Ana González Abelleira.

A edil referiu conceptos como o da media laranxa, a predestinación, a paixón eterna ou os celos como algunha das nocións sobre as que se traballará durante o xogo baseado en axudar a que dez personaxes recoñecidos e que perderon a súa identidade a recuperen.

“As persoas participantes terán que ir superando probas e acertixos o que lles permitirá obter un brebaxe que os príncipes e princesas, monitores disfrazados, deberán beber para poder recobrar, durante un minuto, a súa lucidez. No transcurso deste tempo poderán ser interpelados sobre cuestións persoais que responderán con si ou non e que permitirán a súa identificación”, referiu a concelleira.

“Gañará o equipo que teña máis puntos e, polo tanto, que sexa capaz de acertar o maior número de personaxes e de mitos románticos que agochan no menor tempo posible”, abondou Ana González.

A xincana, que se celebrará o propio día de San Valentín, comezará ás 18:00 horas na Praza Maior e o prazo de inscrición para anotarse permanecerá aberto até o día anterior. Para apuntarse, de xeito gratuíto, só é preciso poñerse en contacto coa Casa da Xuventude onde tamén se poderá obter máis información sobre a mesma.

Noticias relacionadas