O cartel do San Froilán 2016 incorpora a Fuel Fandango, David Prado, Bratz, Ana Moura e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre

Carmen Basadre fixo fincapé na oferta variada, pensada para todos os públicos, tanto con nomes de primeira fila do panorama musical como co mellor talento lugués

Xoves, 08 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O cartel do San Froilán 2016 segue a completarse con actuacións de primeiro nivel, incorporando as actuacións de Fuel Fandango, David Prado, Bratz, Ana Moura e Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre. Así o anunciou este xoves a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen quixo facer fincapé na oferta variada, pensada para todos os públicos, tanto con nomes de primeira fila do panorama musical como co mellor talento lugués.

“O San Froilán ten espazo tanto para músicos locais como para músicos de renome. E isto é o que intentamos sumar no cartel, para que distintas bandas e músicos amenicen todos os días de festas. Queremos que a música estea na rúa”, subliñou Basadre.

Fuel Fandango, que actuará na Praza de Santa María o día 11, é un dúo formado por Alejandro Acosta e Cristina Manjón, Nita, acompañados nos directos polo batería Carlos Sosa. Gravan o seu primeiro disco Fuel Fandango no 2010, que ve a luz no 2011; Trece Lunas é o segundo álbum publicado en abril no 2013.

Xabier Díaz e Aduferias da Salitre forman parte dun proxecto preparado para invadir con muiñeiras e pasodobres os escenarios e os teatros do mundo. Xabier é un todoterreo da música formando parte de grupos como Berrogüetto, Nova Galega da Danza, entre outros. Coas Adufeiras da Salitre, Gutier Álvarez e Javier Álvarez encheran de lírica galega a Praza de Santa María o día 9 de outono.

O día 11 a Praza de Santa María acollerá os fados de Ana Moura e a transformación que fai de calquera estilo musical cara esta melodía típica portuguesa. Conta esta cantante lusa con 5 discos de platino do seu Desfado, considerado todo un clásico da música portuguesa.

O día do Pilar haberá na Praza Horta do Seminario unha cita ineludible para todos os amantes do folk galego, xa que actuará o mítico grupo Brath. Despois de 36 anos no panorama musical, está a piques de sacar novo disco Enxebre, en decembro deste ano sairá ao mercado. Cerca de mil concertos avalan a esta banda de culto.

David Prado é un cantante lucense nado no ano 1986, comeza na musica aos 8 anos, no conservatorio, pero empeza a gozar dela aos 17 cando se sube por primeira vez a un escenario. Leva gravados tres discos, o último Imagínate. Ten  coincidido con artistas consagrados como La Unión ou Luis Ramiro, actuará o día 8 de outono na Praza de Santa María.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre os novos concertos do San Froilán 2016 | Descargar MP3

Noticias relacionadas