O cantautor Javier Krahe terá unha escultura na zona de Ramón Montenegro, da man de Concello e Deputación

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación da súa subministración, por un importe de 33.880€, conforme ao boceto elaborado polo artista lucense Juan Lomarti. Foi unha suxerencia do Club Clavicémbalo, avalada por 1.056 sinaturas

Na sesión deste mércores, tamén se aprobou sacar a contratación o mantemento e conservación de espazos verdes públicos, dentro do Plan Mellora Lugo 2018. Ten un orzamento de 95.000€ e garantirá 4 postos de traballo

Tamén se aprobou sacar a contratación o rrendamento de equipos multifunción e impresoras e mantemento de novos equipos; por un período de catro anos e un orzamento base de licitación duns 669.000 euros

Mércores, 28 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O cantautor Javier Krahe terá unha escultura na zona de Ramón Montenegro, da man de Concello e Deputación, a través do Plan Único. De feito, a Xunta de Goberno deste mércores deu luz verde á contratación da súa subministración, por un importe de 33.880 euros, conforme ao boceto elaborado polo artista lucense de gran recoñemento dentro e fóra de Galicia, Juan Lomarti. Será por procedemento negociado e a execución e entrega da escultura deberá realizarse no prazo máximo dun mes dende a sinatura do contrato.

Tal e como explicou o Voceiro Municipal, a colocación da escultura, que xa se tratara na Comisión do Consello Municipal de Cultura, a suxerencia do Club Cultural Clavicémbalo, avalada por 1.056 sinaturas; será nas proximidades da rúa dos Paxariños, número 2 e a Igrexa de San Roque. As características son as seguintes: unha altura total de 200 centímetros e unha base de 84x108x40, realizada en granito galego pardo de gran dureza, con zonas de corte natural, outras abuxaradas e parte do corpo, mans e cara máis pulidas e coa inscrición Krahe en Lugo.

Na sesión deste mércores tamén se aprobou sacar a contratación o mantemento e conservación de espazos verdes públicos, dentro do Plan Mellora Lugo 2018, que o Goberno volve poñer en marcha co obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento en espazos públicos municipais. Esta liña de actuación, que se suma ás que terán lugar nas áreas de Educación, Medio Rural, Deportes e Infraestruturas, ten un orzamento de 95.000 euros e garantirá 4 postos de traballo no municipio, a xornada completa, polo menos, durante 6 meses. O prazo de presentación de proposicións será de quince días naturais dende a publicación do anuncio de licitación o Perfil do Contratante.

As principais intervencións previstas realizaranse no Parque dos Paxariños, no Polígono das Gándaras, na parcela lindeira coa vella Potabilizadora, no espazo lindante coa Estación do Tren no Parque do Sagrado Corazón, nas parcelas municipais do Ceao e, tamén, noutras zonas verdes municipais nas que sexa preciso o seu acondicionamento.

A Xunta de Goberno tamén aprobou sacar a contratación o arrendamento, con opción de compra, de equipos multifunción e impresoras e mantemento de novos equipos para copia, impresión e escaneado de documentos; para as instalacións municipais, por un período de catro anos e un orzamento base de licitación duns 669.000 euros. O prazo de presentación de proposicións será de 35 días naturais contados dende a data de envío do anuncio de licitación á Oficina de Publicacións da Unión Europea.

Outros asuntos

Tamén se concedeu a licenza para a demolición do Vello Xeral, cun presuposto e 2.365.181,54 euros e un prazo máximo de terminación de dezaoito meses.

Así mesmo, deuse  luz verde a prórroga do contrato correspondente á prestación integral das actividades de animación sociocultural nos centros de convivencia municipais, asinado entre o Concello e Servipulustotal S.L., por un período de 3 meses e un orzamento de 33.772,89 euros. Entre outros asuntos, nomeouse Interventor Xeral do Concello a Manuel Vázquez Fernández, un acordo do que se dará conta ao Pleno na seguinte sesión plenaria. En canto á súa experiencia profesional, desempeñou o posto de Intervención Xeral no Concello de Ferrol, Sada, Astillero e Arteixo, entre outros. 

Audio

Noticias relacionadas