O Canil das Estantigas, totalmente renovado, abrirá ao público en canto xermine o céspede para garantir o seu mantemento

O recinto deberá permanecer pechado algunhas semanas máis para favorecer o crecemento estable da cuberta vexetal.

O goberno de Lara Méndez investiu preto de 50.000 euros na actuación na que se tiveron en conta as demandas que as persoas usuarias deste espazo lle trasladaron á rexedora.

Mércores, 10 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Canil das Estantigas, totalmente renovado, abrirá ao público en canto xermine o céspede para garantir o seu mantemento

Logo de concluír as obras de reforma e modernización, o Canil das Estantigas abrirá ao público en canto xermine o céspede.

Unha actuación á que o goberno de Lara Méndez destinou 48.158 euros co fin non só de acondicionar as instalacións, segundo as suxestións que a cidadanía lle achegou á propia rexedora, Lara Méndez, durante unha reunión, adaptándose ás necesidades que lle foron comunicadas, senón que tamén suporá unha mellora dos accesos ao paseo interior da Muralla.

Malia ter xa rematados todos os traballos, o recinto permanecerá pechado durante as vindeiras semanas para permitir o crecemento óptimo do céspede. Unha evolución que dependerá das condicións climatolóxicas de maneira que, se o tempo é benevolente e favorece o nacemento da cuberta vexetal este espazo se porá a disposición da veciñanza no prazo aproximado dun mes.

A remodelación do canil, impulsada pola alcaldesa, Lara Méndez, conlevou a eliminación dos anteriores labirintos arbustivos o que reverterá nun incremento da visibilidade no seu interior. Ademais, substituiuse o pavimento por outro con mellores condicións de seguridade, hixiene e conservación e foron instalados colectores de residuos orgánicos e plásticos habilitando, alén, unha área de lavado e cepillado de mascotas.

Ademais as e os usuarios verán aumentadas as prestacións ao contar con novo mobiliario urbano e cunha zona tipo parklet, que favorece o descanso e aporta maior confortabilidade, fóra do perímetro de xogo animal para evitar interferencias.

O executivo de Lara Méndez priorizou en toda a intervención a utilización de materiais naturais, como madeira, xabre ou pedra, así como a execución de deseños respectuosos coa contorna patrimonial na que se atopa, ao estar localizada entre as rúas Nova, Montevideo e a Muralla.

Multimedia

  • O Canil das Estantigas, totalmente renovado, abrirá ao público en canto xermine o céspede para garantir o seu mantemento
  • O Canil das Estantigas, totalmente renovado, abrirá ao público en canto xermine o céspede para garantir o seu mantemento
  • O Canil das Estantigas, totalmente renovado, abrirá ao público en canto xermine o céspede para garantir o seu mantemento

Noticias relacionadas