O calendario para a aprobación do PXOM centra a nova xuntanza

Xoves, 08 de maio de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentou hoxe o calendario de traballo para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Explicou que se trata dun calendario consensuado entre todos e do que todos serán responsables.

O luns día 12 de maio completarase toda a normativa do Plan Xeral que será estudada polos técnicos municipais e polos representantes políticos.

O mércores 21 estará tamén o equipo redactor. Esta data será clave xa que se decidiu que será o último día para poder introducir cambios no documento urbanístico.

O martes 27 os técnicos e o equipo redactor completarán o estudo da normativa que será revisará de novo e se completará nunha xuntanza o día 30 á que se unirán os políticos.

Os días 3 e 4 de xuño dedicaranse ao peche dos aspectos que queden pendentes.

O 18 de xuño chegará a Lugo todo o Plan Xeral que será remitido inmediatamente á Consellería de Cultura e ao resto de administracións implicadas, a algunhas delas non é preciso enviar toda a documentación senón só os aspectos que as afecten.

Non aprobar o plan en verán
Á Consellería de Cultura remitirase toda a documentación e fíxase o tempo máximo para que informe que son 3 meses. Se Cultura o remite antes dos 3 meses, hai un compromiso solicitado polo Alcalde, de “non aprobar o Plan no verán” coincidindo coas vacacións da maioría dos lucenses.

Se a Consellería emprega esos tres meses, o documento recibirase en Lugo arredor do 18 de setembro. Fíxase un mes para que os técnicos estuden as alegacións e farase a aprobación do Plan nun pleno extraordinario a finais de outubro ou novembro.

Este calendario pode sufrir algunha modificación, pero a intención dos grupos é a de facer que se cumpra.

López Orozco salientou a súa satisfacción por acadar este acordo de datas que o equipo de goberno xa pediu hai máis de 15 días. “Hoxe demos un paso moi importante para a aprobación do Plan”.

Na xuntanza de hoxe os grupos estiveron completando o estudo da normativa. López Orozco explicou que a última documentación que recibirá o Concello será a memoria económica do documento urbanístico, xa que esta ten que adaptarse a cada unha das modificacións introducidas.

Noticias relacionadas