O café- bar de Camiño Real pechado en xullo non volverá abrir coa actual actividade tras un decreto de Urbanismo

A medida chega logo de que o Servizo de Licenzas instara, ata en 3 ocasións, a corrixir as deficiencias atopadas no local e que comprometían a seguridade da clientela

Tamén en materia urbanística, a Xunta de Goberno celebrada hoxe, outorgou 8 licenzas para diferentes actuacións, 6 delas no rural, entre as que destaca a construción de dúas novas explotacións gandeiras

Mércores, 02 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O café- bar de Camiño Real pechado en xullo non volverá abrir coa actual actividade tras un decreto de Urbanismo

A área de Urbanismo Sostible, a proposta do Servizo de Licenzas, vén de decretar a ineficacia da declaración responsable que impide a actividade do café – bar, sito na rúa Camiño Real, número 54, pechado cautelarmente no mes de xullo.

A determinación chega logo de esgotarse o trámite de audiencia outorgado ao titular do negocio para alegar ou ben aportar nova documentación aos requirimentos do Concello.

O edil Miguel Couto explica que, logo de realizar ata tres inspeccións técnicas ao local, en xullo e decembro de 2019 e en febreiro deste ano, o persoal municipal puido constatar non só a existencia de importantes variacións con relación ao declarado sobre as condicións nas que se atopaba o establecemento, senón tamén numerosos incumprimentos das esixencias básicas de seguridade.

“Deficiencias que en moitos casos non son sequera legalizabales e que atinxen a aspectos fundamentais como o feito de que a campá extractora da cociña carecera de sistema de incendios, que o solo presentase múltiples danos que afectaban ao tránsito das persoas ou incluso que houbera planchas metálicas soltas no acceso ao aseo adaptado ao que, por outra banda, conducía un corredor cunha achura inferior á mínima”, relatou o concelleiro.

Couto deu conta igualmente doutras irregularidades como a existencia de múltiples luminarias avariadas, entre elas as de emerxencia, de cableado á vista “e mesmo de carencias que incumpren o código técnico, a normativa de accesibilidade ou que comprometen a integridade da clientela como a falta de calquera acreditación sobre a legalidade das instalacións eléctricas e de gas combustible polo que, con base aos informes presentados, procedemos a declarar desfavorable o control posterior da actividade que se desenvolve nesta cafetería”.

Trátase do último paso administrativo, co que se dá por finalizado o procedemento logo dos múltiples e infrutuosos intentos da institución para notificarlle ao titular cal era a situación do expediente en curso, polo que a devandita comunicación se fixo a través dun anuncio público no BOE do pasado 21 de outubro, con idéntico resultado. “Ante a ausencia de resposta, a resolución será trasladada agora ao Negociado de Policía para o seu coñecemento e para que dende alí poidan levar a cabo as actuacións que estimen oportunas e adoptar medidas cautelares, se procedese, segundo a normativa vixente”, concluíu Miguel Couto.

As licenzas urbanísticas, protagonistas hoxe da Xunta de Goberno Local

Por outra banda, aínda que relacionado coa mesma materia, esta semana o executivo de Lara Méndez tomou razón, na Xunta de Goberno celebrada esta mañá, da Sentenza firme pola que se declara disconforme a dereito e se anula a resolución adoptada en agosto de 2014, pola que se validaba a construción dunha estación de servizo vinculada ao hipermercado de Centros Comerciales Carrefour S.A. O executivo, anunciou o edil de Urbanismo Sostible, daralle continuidade agora ao trámite administrativo para repoñer a legalidade á maior brevidade posible.

Na sesión de hoxe tamén se outorgaron 8 licenzas urbanísticas, 6 delas para acometer diversas actuacións na zona rural.

É o caso de tres parcelamentos nas parroquias de Adai, San Xoan da Pena e Santo André de Castro, da rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Pías e da creación de dúas explotacións agrícolas: un cebadeiro de gando vacún en Argonde e unha corte de vacún de leite en Benade, orzamentadas en 257.511’42 euros e 202.748’04€, respectivamente, cun prazo de execución de 24 meses cada unha.

Xa na capital, autorizouse a instalación dun ascensor nun inmoble de San Pedro, cun importe de 35.831’50 euros, e a cubrición dunha terraza na primeira planta do Colexio María Auxiliadora, por valor de 98.829’26 €.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre a licenza do "Café - Bar Camiño Real" | Descargar mp3

Noticias relacionadas