O bus urbano será gratis mañá con motivo do Día Mundial sen Coches

Xoves, 21 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que mañá venres as viaxes no bus urbano serán gratuítas durante toda a xornada para todos os usuarios con motivo da conmemoración do Día Mundial sen Coches. Méndez explicou que a medida enmárcase no compromiso do Goberno pola mobilidade urbana sostible, pois “o obxectivo é incentivar o uso do transporte público en detrimento do privado aumentando a conciencia cidadá sobre a contaminación acústica e ambiental que xeran os vehículos”.

Esta medida, enmarcada no modelo de cidade polo que traballa o Goberno, máis humana, accesible, acolledora, sostible, social e verde, súmase a outros proxectos municipais neste eido, como o acondicionamento de aparcamentos disuasorios na cidade, o párking no HULA, a apertura ao público polas tardes do aparcamento do Seminario, a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros e do entorno da praza da Milagrosa; as seis primeiras actuacións do EDUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, que consisten na reforma da Volta da Viña, a construción dunha pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme, a descontaminación dos solos deste barrio e a creación de 16 quilómetros de carrís bici; e tamén o proxecto de Vieiros Escolares presentado hoxe mesmo pola propia Alcaldesa e o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez.

Noticias relacionadas