O BOP publica mañá as bases do plan de emprego municipal (Con) trato feito!, que busca facilitar a empregabilidade de calidade no municipio

Todas as empresas e entidades sen ánimo de lucro interesadas poden presentar as súas solicitudes dende luns e durante 20 días naturais no Rexistro Xeral do Concello

Venres, 23 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicará mañá as bases do plan de emprego 100% municipal, (Con) trato feito!, tras ser aprobadas na Xunta de Goberno do pasado 7 de setembro. Todas as empresas e entidades sen ánimo de lucro interesadas poden presentar as súas solicitudes dende o vindeiro luns e durante 20 días naturais no Rexistro Xeral do Concello.

Trátase dun plan que intenta axustar a oferta á demanda real, co que o Concello busca facilitar a empregabilidade de calidade e en boas condicións salariais no municipio. A selección de empresas ou entidades será en concorrencia competitiva e atenderá a criterios sociais, como favorecer a conciliación familiar, ofertar ao contratado bolsas de estudo, plan de pensións ou seguros médicos, así como amparar a contratación de colectivos desfavorecidos, como parados de longa duración, mulleres ou maiores de 50 anos.

(Con) trato feito! está dotado de 1.150.000 euros e contempla dúas liñas de axudas, unha destinada para empresas, dotada con 920.000 euros, e outra para entidades sen ánimo de lucro, duns 230.000 euros. Para a primeira as liñas serán subvencionables o 70% dos custos salariais e para a segunda, o 100%.

Máis información na web municipal www.lugo.gal.

Noticias relacionadas