O BOP publica hoxe a aprobación inicial da Ordenanza municipal reguladora do uso dos hortos urbanos

Ademais publícase a licitación da produción de espectáculos nas prazas Horta do Seminario e de Santa María e no patio do Centro de Servizos Municipais no San Froilán 2017

Xoves, 10 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este xoves a aprobación inicial da Ordenanza municipal reguladora do uso dos hortos urbanos. Esta ordenanza contempla tanto o regulamento como as condicións que rexerán na utilización destes hortos, dende non empregar ningún produto químico de síntese ata non utilizar materias que non sexan respectuosos co entorno.

Entre os requisitos de adxudicación, as persoas interesadas deben estar empadroadas no municipio, ser maiores de idade, non posuír outras parcelas agrícolas ou ser dono doutros terreos de natureza rústica no Concello, entre outros. Poderase permitir o acceso e uso dos hortos urbanos a outras persoas a través da sinatura de convenios específicos de colaboración con entidades de carácter social ou educacional sen ánimo de lucro.

A ordenanza establece que as persoas concesionairas dos hortos destinarán os terreos ao cultivo e plantación de especies vexetais e terán prohibido dedicar o seu cultivo para fins comerciais, así como instalar barbacoas, queimar restos de cultivo, ou ceder o uso a terceiras persoas. O incumprimento dalgunha destas condicións provocará multas de entre 60 a 30.000 euros, ou incluso a revogación da autorización de uso. 

O Concello traballa actualmente na creación destes hortos urbanos no Parque dos Paxariños, dotado de 33 parcelas, 3.000 m2 e zonas comúns. Son uns hortos con función de autoconsumo, para contribuír a favorecer os hábitos saudables, centrados na produción ecolóxica, e, que se situarán na ladeira entre a Ronda das Fontiñas e o paseo fluvial do Rato, a carón do barrio de Xuíz.

A actuación engloba a 3.000 m2, dos que se empregarían para cultivo 1.085 m2, cunha zona de entrada, con espazo para aparcadoiro de vehículos e unha caseta de madeira, de acordo co entorno, para apeiros e material. Estará formado por 33 hortos, con pantallas vexetais para separalos e diferencialos dos viais. Ademais, terá fontes de rega, adaptadas ao entorno, e mesas e bancos de uso público. Dito sistema de hortos urbanos suporá unha inversión de 60.000 euros.

O Concello tentará proporcionar a cada usuario unha superficie mínima de 30 m2 e estarán destinados, principalmente, a persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou maiores de 65 anos.

Produción de espectáculos no San Froilán 2017

Ademais, tal e como se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia, e tamén no Perfil do Contratante da web municipal www.lugo.gal, o Concello de Lugo saca a licitación a produción integral de espectáculos das festas patronais de San Froilán 2017, organizados polo Concello de Lugo. Dita licitación realízase por lotes, o primeiro, para os espectáculos da Praza Horta do Seminario por 81.070 euros, o segundo, para a Praza de Santa María, por 77.440 euros, e o terceiro, para o patio do Centro de Servizos Municipais, por 29.040 euros.

Así mesmo, a entidade local saca a licitación a dotación de catro carpas por 38.720 euros, que estarán instaladas na Praza de Santa María, no patio do Centro de Servizos Municipais, no Cantiño Nemesio Cobreros e na Praza da Soidade. As carpas deberán estar instaladas dende o día 4 ata o día 12 de outubro e todas as estruturas de todos os lotes deberán ser desinstaladas nun prazo non superior a 3 días dende a finalización da súa última utilización. En total, o valor estimado do contrato ascende á cantidade de 226.270 euros.

O prazo de presentación de proposicións, que debe facerse no Rexistro Xeral do Concello, será de quince días naturais contados dende a publicación deste anuncio no BOP.

Neste boletín tamén se publica a aprobación do padrón correspondente ás taxas pola prestación do servizo de xantar no fogar correspondentes ao mes de maio de 2017, que se expoñen ao público no Servizo de Servizos Sociais, sito na Ronda da Muralla, 197, durante o prazo de quince días hábiles, contados dende o seguinte, tamén hábil, da publicación deste edicto.

Noticias relacionadas