O barrio da Milagrosa encherase de actividades lúdicas, en resposta ás peticións dos Orzamentos Participativos

O Concello organiza masterclass de baile moderno, contacontos na rúa e obradoiros de tatuaxes de henna a partir do vindeiro martes e ata o 23 de setembro, na Praza da Milagrosa, na do Agro do Rolo e no Parque de Frigsa

Sábado, 15 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, deu a coñecer as novas actividades lúdicas, educativas e preventivas, dirixidas aos nenos e nenas e adolescentes de ata 16 anos, que organiza o Concello no barrio da Milagrosa, dende o vindeiro martes, 18 de agosto, e ata o 23 de setembro, en resposta ás peticións dos Orzamentos Participativos. “Coa organización destas actividades nas prazas e parques da Milagrosa, damos resposta ás demandas que nos fixeron os veciños e veciñas nos Orzamentos Participativos”, subliñou a edil. Deste xeito, o Concello continúa a executar os 59 proxectos demandados polos veciños e veciñas do municipio, que contan cunha dotación económica de 500.000 euros.

“Con estas actividades tamén melloramos a calidade de vida dos máis cativos, especialmente dos menores que por mor da situación de risco ou de exclusión social que sofren pasan máis tempo na rúa, dentro da comunidade a través de experiencias positivas de interacción co barrio”, destacou a Concelleira.

Baile moderno, contacontos e tatuaxes de henna

Ao longo de agosto, o barrio acollerá masterclass de baile moderno, que terán lugar os martes 18 e 25, na Praza da Milagrosa e o xoves 20 e 27, na Praza Agro do Rolo, en horario de 18:30 a 20:00 horas.
No mes de setembro, o Concello organiza contacontos na rúa o mércores, 9, 16 e 23, na Praza da Milagrosa, no Parque de Figsa e na Praza Agro do Rolo, respectivamente. Nese mesmo mes, estes emprazamentos acollerán obradoiros de tatuaxes de henna, os xoves, 3, 10, e 23, nas prazas de Frigsa, Agro do Rolo e A Milagrosa. Todas estas actividades son de caracter gratuíto e desenvolveranse dende as 17:30 ás 19:00 horas. No caso de choiva, o contacontos e o obradoiro de tatuaxes realizaranse no Centro de Convivencia Milagrosa, agás o día 3 que se cambiará a data.

Audio

  • Declaracións da concelleira de Benestar social sobre as novas actividades lúdicas do barrio da Milagrosa |Descargar mp3 

Noticias relacionadas