O avance dos traballos de cubrición de dúas novas pistas de tenis en Frigsa permitirá reabrir estas instalacións no prazo dun mes

A alcaldesa, Lara Méndez, que estivo acompañada polos edís Miguel Fernández e Mauricio Repetto, supervisou a montaxe das cubertas que comezaba despois do Nadal.

A empresa Sport Equipalia encárgase das tarefas, que tiveron un custo de 296.159 euros.

Con estas obras o Concello incrementa os equipamentos a disposición da cidadanía cun total de dúas canchas a cuberto, outra pechada e dúas máis ao aire libre.

Domingo, 18 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O avance dos traballos de cubrición de dúas novas pistas de tenis en Frigsa permitirá reabrir estas instalacións no prazo dun mes

Os traballos de cubrición de dúas novas pistas de tenis de Frigsa atópanse xa tan avanzados que o goberno local agarda poder reabrir as instalacións no prazo aproximado dun mes.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polos edís Miguel Fernández e Mauricio Repetto, supervisou as obras que, dende o mes de xaneiro, está a desenvolver a empresa Sport Equipalia, adxudicataria do contrato.

Unha intervención que, como a propia rexedora subliñou, “pretende protexer das inclemencias meteorolóxicas dúas das catro pistas existentes neste complexo deportivo, concretamente as ubicadas máis ao norte, para incrementar a súa funcionalidade durante todo o ano”.

Os labores inclúen a colocación dunha estrutura a base de perfís laminados na que se empregaron, como elemento de cubrición, pranchas de panel sándwich de 30 mm de espesor. Igualmente, todo o cerramento exterior vai tapado de forma íntegra con chapa de tipo minionda de aceiro galvanizado, lacada en cor, que se fixa á superficie portante.

Trátase dunha actuación na que o Concello investe 296.159 euros e coa que se incrementarán os equipamentos a disposición das e dos lucenses que, logo da reforma, poderán contar así cun total de dúas canchas a cuberto, outra pechada e dúas máis ao aire libre.

“Unha mellora que pon de manifesto non só a vontade e o compromiso deste goberno por aumentar as dotacións de lecer e esparexemento do municipio senón tamén por fomentar a práctica do execicio e promover pautas de vida saudable entre a poboación, especialmente na mocidade, ao tempo que atendemos as demandas que nos achega a veciñanza xa que o tenis é unha das modalidades deportivas que conta con máis afeccionados na nosa cidade”, destacou a rexedora.

Lara Méndez lembrou tamén que, nestes momentos, o Concello traballa para construír, baixo criterios de sustentabilidade, un novo pavillón multidisplinar e que nas últimas semanas se iniciou, alén, a creación dun Skate Park na contorna da Avenida Duquesa de Lugo.

Noticias relacionadas