O Auditorio Municipal Gustavo Freire recibe ao espectáculo lucense A órbita de Lucecú

Carmen Basadre, acompañada dos protagonistas, presentou esta peza teatral que terá lugar o vindeiro venres e sábado a partir das 21:00 horas

Os interesados en asistir poden adquirir entradas por 5 euros nas mesmas instalacións do auditorio e na plataforma www.entradaslugo.es a partir de mañá

Luns, 25 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación do espectáculo lucense A órbita de Lucecú

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada de dous dos protagonistas do espectáculo A órbita de Lucecú, Anxo Manoel e Ruben Pérez; presentou este luns no Salón de Plenos esta función teatral, que acollerá o vindeiro venres e sábado, 29 e 30 de xaneiro, o Auditoiro Municipal Gustavo Freire, a partir das 21:00 horas. As entradas poden adquirirse por 5 euros nas mesmas instalacións do auditorio e na plataforma www.entradaslugo.es a partir de mañá martes. A maiores, a compañía teatral realizará unha sesión matinal o venres ás 12:00 horas para os alumnos dos centros educativos lucenses, co obxetivo de achegarlle a cultura aos máis novos.

Durante a presentación, Basadre puxo en valor o traballo dos actores lugueses, “que non lle teñen nada que envexar ao resto de actores do panorama nacional”, ao tempo que feliciou a Manoel e Pérez pola recente creación da compañía lucense de teatro Lucecús, que arrincou a súa andaina o pasado mes de setembro.

Neste senso, a edil trasladoulles o apoio e a colaboración do Concello para sacar adiante proxectos culturais e convidou a todos os lucenses e visitantes a acudir e a gozar con este espectáculo de denominación de orixe Lugo.

Pola súa banda, os progatonistas desta peza cómica mostráronse orgullosos de actuar en Lugo grazas ao Concello. “Dá gusto ver como o Concello apoia as iniciativas culturais do mesmo xeito que apoia ás empresariais”, asegurou Manoel.

A órbita de Lucecú chega a Lugo tras presentarse en Caldas, Pol, Ourense e Sarria; converténdose a presentación da vindeira fin de semana en Lugo na primeira das grandes cidades e vilas galegas ás que a compañía se desprazará ao longo de todo o ano. Trátase dun espectáculo cómico de hora e cuarto de duración, escrito polos propios autores, que xira en torno á figura dos lucecús e dun científico e á posibiildiade da existencia de vida humana en Marte, todo misturado nas conversas de tres compañeiros de piso.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a presentación de A órbita de Lucecú |Descargar mp3

Noticias relacionadas