O Auditorio Municipal Gustavo Freire énchese de solidariedade co espectáculo Toda a terra é dos homes

Carmen Basadre e Tareixa Campos presentaron esta gala que terá lugar o vindeiro 12 de decembro a partir das 20:30 horas. As entradas custarán 5 euros e a recadación destinarase ao programa de refuxiados da Cruz Vermella

Venres, 04 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación de Toda a terra é dos homes

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e a presidenta de Achádego Teatro, Tareixa Campos, presentaron este venres no Salón de Plenos o espectáculo Toda a terra é dos homes, que terá lugar o vindeiro 12 de decembro no Auditorio Municipal Gustavo Freire a partir das 20:30 horas. Trátase dunha gala solidaria na que se abordará o drama que sofren os refuxiados de todo o mundo, “unha situación humanitaria terrible e intolerable”, tal e como a definiu a edil.

No acto, ao que tamén asistiu un membro deste grupo teatral, Anxo Manuel Lamelo, Basadre fixo fincapé no carácter solidario desta gala, pois o recadado destinarase integramente á Cruz Vermella para axudar aos refuxiados. Neste senso, a edil fixo fincapé na disposición do Concello para colaborar e axudar para que todas estas persoas que se ven obrigadas a fuxir do seu país alcancen unha vida máis digna. A Concelleira aproveitou para agradecer o labor e o esforzo de Achádego Teatro por traballar pola cultura do país e por levar adiante este evento que porá de manifesto a solidariedade dos lucenses.

Pola súa banda, Campos agradeceu “a constante colaboración do Concello e da Fundación TIC, dependente da Deputación, coas iniciativas que levamos a cabo”.

Teatro, danza e audiovisuais

Toda a terra é dos homes é unha representación teatral dividida en tres actos, autoría de Lourdes Abuide, na que se representará na primeira parte o mundo do confort e do consumo e na segunda de por que veñen os refuxiados ou como pode coller a vida nunha mochila. Na terceira parte, faise partícipe neste acto aos inmigrantes. O espectáculo tamén inclúe danza e a proxeción de varios audiovisuais elaborados pola Fundación TIC. As entradas custarán 5 euros e a recadación destinarase ao programa de refuxiados da Cruz Vermella.

O título deste evento solidario fai referencia a un poema de Rosalía de Castro, Para a Habana do libro Cantares Gallegos. Tal e como avanzou Campos, con este acto “tamén queremos lembrar a todos aqueles galegos que no seu momento tiveron que marchar por razóns económicas ou políticas”.

Audio

Noticias relacionadas